A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

O paxaro caído

2 Comentarios

niñopaxaroA primavera aínda non se fora. O vento do este pouco a pouco fora gañándolle terreo ó vento do norte. O ar embriagaba co perfume das flores e co cantar grave e agudo dos paxaros. As nubes ameazaban choiva, pero os raios de sol seguían intentado coarse entre elas.

Asomou a súa miúda cabeza entre as pólas. Estendeu as súas finas ás. Xa tiñan as cores cinsentas dos seus pais, mais aínda eran febles. Deixou que a brisa acariñase o seu peteiro e as súas plumas douradas, que murmurase o seu nome. Estirou as ás e saltou ao baleiro. Quería xogar co vento, chegar ao sol. Mais caeu. Un silencio pesado, opriminte, apoderouse do ceo.

Intentou manter a calma. Cada unha das súas plumas seguía no seu sitio, mais decatouse de que non podería volver a subir. O medo foise pouco a pouco apoderando da súa mente e a saltiños rodeou a árbore. Non, non podería acadar a súa rama. Estirou as ás, pero o vento, burlón, semellaba ter desaparecido. Intentou impulsarse, pero as patas trementes aferrábanse á terra. Comezou a chorar. E rompeu o meigallo do silencio. Os demais paxaros acompañaron o seu piar, mais non podían erguelo.

Quedou paralizado. Quizais así non o vería ninguén, volveríase invisible e despois espertaría dese mal soño. Anicado sentiu que volvía erguerse. Mais non era o vento quen o mexía. Unha prisión suave levábao lonxe. Non, non se movería. Sentiu como o pousaban con sumo coidado entre o que semellaban fíos. Rozaron a súa cabeza. Finos fíos rodeados doutros de ferro. Auga e comida. Non, non comería. Dende a súa cela vía ós paxaros voar diante da fiestra aberta. Volveron a collelo. Uns grandes ollos cinsentos o observaban.

– Seino. Sei que unha gaiola non é o mellor lugar para un paxaro. Mais se queres volver aí terás que loitar pola túa liberdade. ¿Ou tes medo de voar? Non tes de que preocuparte. Foi o teu primeiro voo, tiveches demasiada présa. Mais non esteas triste. Conseguiralo. Se me prometes vivir, eu douche a miña palabra de que volverás a facelo. Construireiche un niño de la para que vexas que falo en serio.

Costáballe confiar, mais non vía outra opción. Deixou que uns dedos lle deran de comer ata que, valente, foi el cara a comida. Sentiu como as forzas volvían lentas e seguras. Sen apuro. Cada noite imaxinábase baixo un ceo cargado de estrelas. E, entre soño e sono as súas ás volvéronse longamente de prata. Ata que un día, os ollos grises volveron a miralo. As mans que o coidaran abriron a ventá, collérono con coidado e sacárano a través da fiestra.

– Voa. Se valente. Tes que crer en ti.

Estendeu as ás e o sol reflectiuse nelas. O vento murmuroulle palabras de liberdade, mentres notaba como o impulsaban cara os seu brazos. Sentiu como o ar se coaba entre as súas plumas e, dende o ceo, viu coma a súa gardiá se despedía del. Voou cara o horizonte. Mais cada noite gardaba os soños daquela que lle devolvera os seus.

Advertisements

2 thoughts on “O paxaro caído

  1. Por un intre, fun paxaro! 🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s