A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

As ondas do luscofusco

Deixar un comentario

Hoxe vou facer outra escepción. Onte volveu a min un relato que escribín vai 11 anos. Foi coma voltar ao pasado, á miña adolescencia tan imperfecta. Polo que me gustaría compartir con tod@s esta experiencia. Unha etapa na que aínda me quedaba moito por aprender. E o que me queda! Agardo que o desfrutedes.

 

marÁnxela era unha rapaza solitaria, máis do que crían, do que lle gustaba. Tiña un soño, desexaba ter un amigo. Algo que se os demais descubrían consideraríano ridículo, pois sempre se atopaba rodeada de xente. Pero non un amigo calquera, se non un que fose coma ela e a comprendera, pois moitos a consideraban estraña, distinta.

Gustáballe o mar. Estaba namorada del. Da súa calma e da súa  forza. Tódalas tardes ía á  praia, uns minutos antes de se pór o sol. Sentábase na area, preto da beira e mirábao. Agardaba. Levaba consigo un bloc e un carbonciño para poder debuxar.

Unha tarde, cando estaba sentada na area, aproximouse un rapaz. Ficou ao seu carón, coma se non a vise. Ambos observaban ao mar que ese día batía con forza, levantando grandes ondas. Ánxela viu coma se convertían en veloces e fermosos cabalos brancos que ían a morrer na area  ou seguían o seu camiño cara o ceo. Tódolos anoiteceres ía esperalos, debuxalos. Ía pensar. E os días que había calma, seguía o seu rastro nas ondas.

-¡Son tan fermosos!- O rapaz continuaba mirando cara o mar, parecía que falaba consigo mesmo. Os seus ollos parecían perderse co mar.

Ánxela mirouno con sorpresa. Non podía apartar a mirada del.

-¿Ti tamén os ves?- Estaba abraiada. Sempre crera que era a única que podía velos. Cando lle preguntaba a alguén se os vía, sempre a miraban coma se estivera tola.

-Por suposto. Moi pouca xente é capaz de contemplar este espectáculo, porque non saben observar e agardar, para a maioría  todo é avanzar de presa, e non se dan conta das marabillas que teñen diante súa.

-Tes razón- . Apartou a mirada do rapaz, e fixouna no horizonte, como se os seus pensamentos estiveran no mar. Sentía por dentro unha ledicia que nunca crera que podería ter, como se ocuparan un baleiro que necesitase ser cuberto, ou coma se atopara a peza que lle faltaba.

Ergueuse da area. Pechou os ollos e estirou os brazos como se quixese voar lonxe. Deu a volta e, cando ía marchar, o rapaz colleuna polo brazo, con suavidade, case con dozura. Ánxela parou e virouse cara el. Estaba sorrindo. Nunca un sorriso lle infundira tanta confianza. Mirouno aos ollos. Tiña unha mirada que parecía mar, forza e quietude ao mesmo tempo.

-Deixa que te acompañe hasta onde remata a area – Non dixera o seu nome, e sen embargo parecía que se coñecían dende dende sempre.

-Claro – Sorriu. Comezaron a camiñar xuntos.

-Non sei por qué, pero o mar faime sentir especial, a gusto comigo mesmo- Ánxela, escoitaba con atención.- Cando estou preto del é coma se fose libre, coma se puidera escapar de todo e de todos, non é algo sinxelo de comprender. Moi pouca xente o fai, por non dicir ninguén. Pero procuro ser coma el, forte. Sen deixarme vencer, e deixando pasar só a aquel que realmente o mereza.

-Compréndote moi ben. É coma se fose capaz de encontrar as repostas aos meus problemas, Axúdame a crer en min.

Chegaron ao final de praia.

-Aquí despídome- dixo Ánxela- foi un pracer falar contigo.

– O mesmo digo, espero volver a verte. Agardareite sempre xunto ao mar.

Creárase un estraño vínculo que nin eles eran capaces de explicar. Non coñecían os seus nomes, e sen embargo xa sabían que sempre estarían un preto do outro. Esa noite Ánxela soñou que ía paseando pola beira do mar, descalza. Podía senti-lo tacto da auga nos seus pés. De súpeto un gran cabalo branco saíu da auga. O aire remexeulle o cabelo escuro como a noite. No ceo brillaban miles de estrelas. Acercouse au cabalo, e acariñoulle a crin. Montou no seu lombo e o corcel levouna a través das augas do mar. Unha vez mar a dentro, a auga comezou a xirar e a xirar cubríndoos. As augas do mar transformáronse en lagoa.

Estaba nunha cova. Mirou ao seu redor. O teito parecía o ceo estrelado, e no chan había area. Baixou do cabalo, e tocoulle o pescozo con dozura. De súpeto unha branca e suave néboa envolveunos, e o cabalo transformouse no rapaz que coñecera na praia. Acercouse a ela, apartoulle o cabelo da cara, e acariñou a súa meixela. Miráronse. “Sempre estarei ao teu carón, dentro de ti, contigo.”

Ánxela espertou esquecendo o soño. Comezaba un novo día, pero algo cambiara. Algo no seu interior. Nos seus beizos había un novo sorriso, de confianza. Non sabía por que era feliz. Algo no seu corazón animábaa a crer nela. A xente coa que levaba anos vivindo estaba abraiada, pois facía tempo que non a vían así. Todo parecía máis sinxelo, e víase capaz de aguantar calquera cousa. Esa nova forza facíalle sentirse querida pola xente que cría que estaba perdendo, que a estaba esquecendo ou que xa non a quería coma antes. Volvía a recuperar a súa capacidade de sentirse ben.

Ao chegar a casa, a súa nai mirouna con asombro.

-¡Vaia cara de felicidade que traes hoxe! Se ata non pareces unha fantasma, ¿que che pasou para vires tan contenta?

-Non sei. Hoxe sinxelamente teño ganas de sorrirlle ao mundo de ser feliz, moi feliz, como o era antes.

Sorriulle, colleu os libros e maila merenda, e subiu á súa habitación. Pechou a porta. Foi cara a fiestra, abriuna e sentouse nela, mirando o mar. Respirou fondo e mentres o facía pechou os ollos. Na súa mente os pensamentos ían axiña dun lado a outro, cambiando con rapidez.

Baixouse da ventá e foi cara o espello. Mirouse nel. Era unha rapaza fermosa, pero ela nunca se decatara ata agora da beleza que era capaz de irradiar. Uns ollos marróns capaces de ler aa mente e uns beizos que amosaban poucas veces un sorriso, dábanlle un aspecto de anxo protector.

Anoitecía. Permanecera case toda a tarde deitada na cama, mirando ao teito e pensando. Ergueuse. Colleu o seu caderno e dirixiuse decidida cara á praia. Sentouse nas rochas, e púxose a pintar. Comezou a erguerse vento. O mar removeuse. Co carbonciño Ánxela dáballe personalidade ao mar. Sen darse conta apareceu o rapaz. Sentouse á súa beira. Ambos miraron ao mar que os reflectía. Facían unha estraña parella. Os seus ollos perdíanse no fondo do mar e amosaban unha sabedoría impropia da súa idade. Un cabaleiro e unha ninfa na inmensidade do mar. Ningún dos dous dixo nada. Ambos parecían perdidos. Esa noite Ánxela durmiu profundamente, coa mente navegando no mar cun amigo que nunca pensara atopar. Sabía que xa nunca volvería a estar soa. Nunca.

Ao día seguinte, ao luscofusco el agardábaa coa mirada firme no mar. Cando oíu os  lixeiros pasos de Ánxela sobre a area deuse a volta. Mirouna. Mirouno. Sorriron.

-Non sei por qué, pero hoxe a túa mirada parece dicirme adeus.- Ánxela pousou os ollos no chan.

-Xamais deixarei de estar contigo- e sorriulle coma soamente son capaces de facer os verdadeiros amigos.

Sentáronse na area. Ánxela comezou a debuxalo. As súas mans voaban polo papel. Detívose nos seus ollos, quería recoller tódalas expresións que sempre amosaban.

-Aínda non sei o teu nome- a súa voz  daba mostras de tristeza.

Sorriu. Miraba para ela. El tamén estaba distinto, máis forte. Non podía evitar sentirse querido, nin podía evitar querela. Moi pouca xente podería entendelo.

-Chámome Gabriel- volveu a pousar a mirada no mar. Ánxela ergueu a mirada do debuxo e mirouno. Apreciábao moito. Facía moito tempo que non quería tanto a alguén, tiña medo a perdelo, pero no seu interior sabía que  nunca sería así. Creárase un vínculo que moi pouca xente pode entender. Unha unión que só teñen os amigos que se aceptan, e creen un no outros, un lazo imposible de desfacer porque se teñen un ao outro para sempre.

Un xunto ao outro, xunto ao atardecer, xuntos nos seus soños, xuntos na súa vida, hasta que non volva a pórse o sol. Amigos para sempre.

 

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s