A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Corazóns anoados

Deixar un comentario

"Amor sin ortografía" Instalación Neves Seara, 2010

“Amor sin ortografía” Instalación
Neves Seara, 2010

“Te amo como se aman ciertas cosas oscuras, secretamente, entre la sombra y el alma”,
Pablo Neruda

As súas sombras cruzáronse e nada máis rozarse quedaron enredadas nun nó. Non se viron, as súas miradas ían demasiado ocupadas ollando ao chan, buscando pasos perdidos cal decisións deixadas de tomar. Anxos sempre ás presas, andaba empurrada polas ás invisibles do tempo. Mentres, Mauro, co cello engurrado, camiñaba levado por unha treboada interior.

Anxos detívose diante do escaparate da librería a agardar. Tiña que cambiar a súa mala costume de chegar cedo aos sitios. Púxose a analizar os títulos dos libros ata que os seus ollos verdes deron co reflexo duns marróns. Estrañada deulle as costas. Os seus amigos ao fin chegaran e con eles a choiva. Apenas uns minutos de auga e xunto ao paso de peóns xa se formara un bo charco. Baixou a vista, entre as circunferencias que creaban as gotas que lle caían do pelo, viu unhas botas que non eran as súas. Preguntáronlle se se atopaba ben cando as súas cellas se arquearon. Asentiu cun sorriso.

Aínda non entraran na cafetería, e xa os agardaban catro cafés con leite ben espumosos sobre a mesa. As risas inundaron o local ao ritmo que os seus corpos pingaban o chan. Anxos, sempre conectada aos minutos ollou o reloxo. Aínda era cedo. Sorriulle ao tempo e a esfera devolveulle un sorriso que non era o dela. Comezou a remexer o café lentamente. A súa mente vagou cara o infinito. Non oía a conversa dos seus compañeiros. Perdérase no universo, ata que unha figura descoñecida se plantou fronte dela. Volveu á realidade. Pálida, mais cun sorriso para non preocupar ao resto. Encamiñouse ao baño. Deixou correr a auga. Cando considerou que estaba ben fría, limpouse a cara. Coa respiración axitada observouse no espello, pero non era o seu rostro o que lle devolvía a mirada. Quizais fora boa idea volver a casa.

Prestáronlle unha bicicleta e voou polas rúas. O semáforo estaba en vermello. Na outra beirarrúa Mauro agardaba bufando, mentres as súas botas contaban os segundos. A súa vista sobrevoou ás persoas que estaban ao outro lado da rúa. Os seus ollos cruzáronse. Mais os seus corpos non se viron malia estar unidos por un fío de araña. A luz cambiou ao verde e cada un seguiu o seu camiño.

Mauro botoulle un ollo ao ceo plúmbeo e notou como pequenas pingas lle acariñaban o rostro. Rosmou cara dentro á súa mala sorte. Semellaba que so podía sacar fotografías grises. Antes de chegar ao parque xa tiña entre as mans a cámara. Os dedos voaban pola máquina, e esta polo parque. Botoulle un ollo ás fotos sacadas. Nunha colárase un chuvasqueiro vermello. Noutra unha coleta voaba deixando un rastro de pingas. Ata unhas mans que xogaban coa choiva. “¡Curioso! Xuraría que non había ninguén”. Xirou sobre si mesmo e non viu a outra persoa. Gardou a aparato na mochila e foi á fonte a despexar un pouco a mente. Ao secar a súa boca coas mans, decatouse de que uns ollos verdes o observaban. Pestanexou con forza e cando se volveu atopar co seu reflexo a súa mirada marrón chiscoulle un ollo.

Decidiu volver a casa. O día ameazaba con rematar e precisaba desconectar. Deuse unha ducha, e sen cear tirouse na cama. Os ollos pecháronselle con cansazo. Comezou a dar voltas sobre as sabas. Corría e corría sen chegar a ningures. Unha sombra perseguíao mentres a escuridade o envolvía cada vez máis, ata que, entre o silencio, unha risa suave, morna, leda foi medrando. Mauro espertou sobresaltado. Mirou o reloxo e apenas pasaba da media noite. Intentou durmir, pero xa non podía. Colleu o libro da mesiña e mergullouse nos seus versos. Segundo ía lendo, nas entreliñas coáronse uns beizos finos, delicados. Unha boca que sorría expectante. Coa respiración axitada deixou os poemas. Lentamente o sono apoderouse del. Nos seus soños debuxouse unha silueta forte e feble a un tempo. Ao espertar esqueceuna.

As campás sinalaban as dez. Hora punta no café. Os ollos de Anxos e Mauro voaron cara a última madalena de pebidas de chocolate. O tempo detívose no intre en que ambos lanzaron as súas mans para collela. Os seus dedos cruzáronse e, ao acariñarse, un raio electrizante percorreulles cada recuncho do seu corpo ata o furado máis escuro da súa alma. As súas miradas fiáronse perdéndose un na outra, unha no outro. Apartáronse asustados, aterrados en que alguén os descubrise. Mais, ¿que hai que descubrir cando non hai nada que ocultar? Mentiras que se repiten unha e outra vez na cabeza mentres dous corazóns laten baixo a mesma frecuencia. Non había maiores imposibles que os que se impoñían eles mesmos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s