A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Os demos tamén queren soñar

Deixar un comentario

luzentebraDende as tebras abafantes só vía lume e fume negro. De cando en vez unha raiola coábase pola ventá. Botaba de menos as súas plumíferas ás. Dende que se volveran de escamas, dáballe a sensación de que sempre as levaba varrendo o po cinsento da súa rúa do inferno.

Noite e día día e noite, eran sempre iguais. De cando en vez gustáballe amolar a aqueles que ousaban non crer nel. Como non tiña permitido soñar coábase nas súas fantasías e xiringábaos ata convertelas en bos pesadelos. Para el non había nada mellor. As persecucións e caídas, quedaban curtas comparadas coas festas que montaban cando se xuntaban varios nunha cabeza.

Porén, levaba unha tempada aburrido. Aflixido pola perda das súas plumas desexou unha e outra vez recuperalas.  Así podería voar a calquera lugar escuro e brillante. Comezou a soñar con elas noite si e noite tamén. Ata que nunha suplicoulle á lúa nova. Ela mirouno cos seus escuros ollos e transportouno a un soño distinto a todos os que vira. Unha sublime anxo da morte soñaba con solpores de lume.

O seu sorriso burlón curvouse ata ser unha liña maléfica. De puntillas situouse ás súas costas. Non podía deixar que o vira. “Maldita lúa”. Molestar aos anxos escuros nunca era unha boa idea. Pero xa que estaba aí, ¿por que non conseguir unha lustrosa pluma negra? ¿Que outro motivo podería carrexalo alí? Estirou as unllas ata unha das ás. E mentres lle arrincaba a pluma lanzoulle un bico luxurioso. Os corvos negaron coa cabeza ante o seu descaro mentres el escapulía ás tebras do inferno. Ao mesmo tempo, o anxo chiscáballe o ollo á lúa.

Ata os demos tiñan dereito, de cando en vez, a cumprir os seus soños. Aínda que fose a medias. Mais non puido pegala ás súas as de réptil, nin conseguir que medrasen outras a partires dela. Polo que buscou outra utilidade a tan fermoso achado. O seu sorriso de arlequín acrecentouse. Cada noite de lúa nova, comezou a coarse con sixilo nas habitacións. Coa escura pluma facíalle cóxegas aos pés nus. E cando unha risa escapaba, roubáballe o soño que levaba pegada. Así xa non lle faría falla volver a soñar, motivo polo que podería ser castigado. Sinxelamente,  nas noites de lúa chea, entraba nos tarros nos que gardaba tan doces meles.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s