A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Dúas

Deixar un comentario

"Nunca es tarde"

“Nunca es tarde”, fotografía de Patricia Cortijo Oncala

Sentada no borde da cama que acababa de facer atou as zapatillas con forza. Un nó apertado difícil de desfacer. Unha dobre lazada, non perfecta, pero case. Ben ancorada á terra. Saíu da casa con pasos firmes, seguros, que se manterían aínda que o día se volvese gris e pesado.

Os seus beizos sempre bosquexaban un sorriso. Estaba convencida de que non había arma máis poderosa que esa, capaz de abrir calquera porta por moi fortemente pechada que parecese. Sen embargo, os seus ollos, profundos coma a selva máis verde, semellaban engulir a quen se atrevese a mergullarse, ou perderse, neles. So quen a coñecía de verdade sabía interpretar a conxunción máxica que se formaba entre a súa mirada e a súa boca, pois un sorriso podía atrapar o enfado máis grande e a serenidade do ollar ocultar unha dura loita de paixóns.

Pero moi poucos eran capaces de darse conta, porque ela, coma unha árbore vella, serena, cravaba os pés na terra. E detrás da súa mesa escoitaba e escoitaba aos demais nos seus bulicios interiores mentres ela, anoaba os seus, engaiolándoos tras barrotes de dúbidas, medos e inseguridades que nunca deixaba ver.

Ou case nunca. Ao chegar a noite, a lúa nova, cómplice, observaba ás agachadas como se preparaba para voar. Calzaba as zapatillas e, con delicadeza, anoábaas ao longo das súas pernas. Os cordóns eran coma unha suave caricia. A lazada non a aprisionaba. Máis ben todo o contrario, facíalle cóxegas que lle chegaban ao corazón, obrigándoa a soñar con longas ás tan negras como os seus zapatos de punta. Moitas queixaríanse da dureza dese calzado, pero ela, levaba tantos anos unida á terra, que os seus pés acadaran unha forza que se estendía, dende o chan ata as súas pernas.

Mirábase ao espello que colgaba torto na parede. E non se vía a ela. Ceibes, os cabelos escuros sumábanse ao roce da tea dos seus pés, seducindo a súa pel branca coma un mar de néboa. Entón izaba os brazos. Quen a vira non dubidaría que as xemas dos seus dedos acariñaban o ceo, coma se un fío invisible a suxeitara para que non tivese medo a caer.

O seu corpo era todo equilibrio. As luces e as sombras borraban a súa idade e mesturábanse en soños que pensaba cumprir aínda que fose máis alá da morte. O ar que penetraba no seu corpo, burbullaba en cada célula do seu ser, dándolle o ton livián suficiente para flotar coma se estivese nun mar en calma.

A súa postura distaba moito da rixidez que mantiña durante o día. O seu corpo ceibaba a súa alma a un tempo que o seu espírito desataba as súas ligaduras. Entón, seguindo o ritmo da música que nacía da súa cabeza os seus músculos mexíanse nun compás que moitos considerarían case tribal, mais que mesturaba dende cisnes grises, xeos agretados a espíritos invisibles que a elevaban coa lixeireza das plumas.

Ata que, exhausta, caía na cama, deslizándose, sen saber moi ben como entre as mantas, mentres as estrelas, ao outro lado do cristal, rían divertidas, orgullosas polos soños de danza que, inconscientemente, cada día se facían máis reais. Non hai máis imposibles que os que se pon unha mesma.

Á mañá seguinte, o espertador volvería a soar. As súas mans peitearían unha longa cola de cabalo antes de atar as súas zapatillas. E así, anoada toda ela, camiñaría firme e forte polas rúas ateigadas de xente, sen decatarse de que era un pouco máis libre.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s