A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

A funámbula da corda de lá

tomaresoltar

“Tomar e Soltar”, Silvia Alfonso, 2011

A súa mirada perdíase no horizonte. As últimas horas do día facían xogo cuns ollos que miraban lonxe dos seus pés, coma se buscasen algo que semellaba agocharse dela. Algo que ía alén dos seus pasos, unhas pegadas esvaecidas no ar, que semellaban non ter importancia.

Sen dubidar colocou o esquerdo por diante. Os seus brazos estendíanse coma ás firmes e seguras. Facía tempo que perdera a longa vara que equilibraba as súas pisadas. Incluso o paraugas que aguantara tormentas e temporais fora esquecido non lembraba onde. Xa non os precisaba.

Apenas recordaba a rede de finos fíos que estendera baixo ela. Facía milenios que comezara a crebar ata deixar de existir. Mais xa daba igual. Só contaba a altura. Dende aí enriba podería comerse ese mundo que semellaba tan pequeno, tan distante… Para ela xa non tiña sentido, aí só quedaban candeas apagadas. Agora tiña que camiñar cara a suave liña do lusco fusco. Máis alá do solpor onde unhas voces chamaban por ela.

Outro paso. Os pés debuxaron un x flotante. Colocou as mans sobre as súas cadeiras con firmeza. Cada poro da súa pel reflectía determinación. E aínda así a súa mirada engurrouse. O seu peito balanceouse ao ritmo dun suspiro,  ao compás dun ar que murmuraba máis preto das estrelas que da area, e que xogaba tanto co seu cabelo de fogo coma cos seus pensamentos.

A corda, trenzada coas las atopadas nas súas viaxes pola terra abaneouse. Unha oscilación sutil que provocou unha descarga de electricidade que percorreu todo o seu corpo. Mordeu o beizo e a súa mirada tornouse terra.

Os ollos retornaron aos seus pés. Facía tanto que non os miraba que xa esquecera que os tiña. E sen embargo sostíñana. Observounos coma se fora a primeira vez que os vía. Torrados polo sol de ducias de amenceres non semellaban cansos. Porén…

Os seus brazos caeron nun suave vaivén. Os seus dedos anhelaban soster uns soños que xa esquecera. Moveu as súas mans con nerviosismo. Un paso en falso e acabaría no baleiro. Coa axilidade dun paxaro sentou na corda. Quizais debería buscar uns novos. Despoxarse das quimeras e recordar quen era. Que acontecería se en lugar de esvarar era ela a que se tiraba?

Sorrindo, balanceouse, alto, moi alto, como se estivera nun bambán. E de súpeto volveu a ser nena. Deixou que a corda se detivera. Pararse de cando en vez a gozar do que a envolve non estaba mal. Comezou a rir. Coa lixeireza e despreocupación dun gato con nove vidas, quizais sete, subiu de novo á corda. Os pés colocáronse formando dúas liñas paralelas perfectas.

Volveu a estender os brazos e, chiscándolle un ollo ao sol cómplice, saltou. E a nada non era negra. Se non dun verde tan brillante como unha folla que se empeña en saír en marzo, iluminada polas primeiras choivas da primavera. Enguliuna case con dozura, coma a terra que, en outono, agarda ás landras. E volveu sobre si mesma, coma quen nace de novo.


Deixar un comentario

Unha candea que treme

chamaO misto tremía na súa man cando rozou a caixa. A chama vibraba como se sentise o mesmo que o corpo que a sostiña. Reflectiuse nos seus ollos. Unha mirada que intentaba transmitirlle tódolos sentimentos que antes encheran ese baleiro. Aquel burato que deixara a súa ausencia.

Escapóuselle un suspiro. Notou como as miradas se cravaban nela, como murmuraban ás súas costas, coma se o feito de estar alí se tornase nun pecado capital. Sabía que non era o seu sitio. Non era o seu contexto, estaba tan fóra de lugar coma un anxo caído implorando pola súa redención. Mais non ía a pedir perdón. O corpo pedíralle cruzar o portalón porque sabía que el o merecía.

Prendeu a vela e a penumbra volveuse  a penas un chisco máis clara. Como se quixese cubrir o oco que con tanto gusto aniñara no seu peito. Pechou os ollos. “Veña, pide un desexo. O que máis anheles farase realidade.” Unha bágoa esvarou pola meixela. Unha soa. Dirixiu a vista cara a vela. A primeira pinga de cera escorregaba polo seu corpo.

Non soprou a vela. Non era para ela. E aínda que a que brillaba ao seu carón si que lle pertencía, non ía deixar que a abandonase cando podían consumirse xuntas. Así a soidade volvíase un pouco máis de mentira mentres, sorrindo, deixaba atrás as sombras.


Deixar un comentario

Almofadas de pel e sonos

CocoGustáballe deitarse no seu peito. Non porque fora suave, brandiño e amoroso  como o coxín do sofá, senón porque aí podía escoitar os latexos do seu corazón. Este tictac que soaba ao ritmo dos soños e dos pesadelos, e que levaba toda unha vida vivida e por vivir a cada recuncho da súa pel. A cada célula. E dende elas ao seu manto de pelo.

Cando se empolicaba no seu peito enroscábase colocando as súas grandes orellas no punto exacto onde practicamente podería afundirse nesa música. Chegaba un instante no que ata o respirar dos dous se acompasaba. Entre suspiros compartían a calor do inverno e do verán.

Se non podía engatar ata el, enroscábase na súa barriga ata que formaban dous nobelos nos que os fíos en vez de la, estaban feitos de veas e arterias. E veña a latexar xuntos. Era algo que o fascinaba tanto que precisaba percorrer os de toda a familia. Cada corazón ten a súa propia canción.

Con cada palpitación facíase máis consciente de que hai lazos que van alén do sangue. Que se anoan cos sentimentos que se desprenden de cada latexo. De cada lambedela. De cada caricia.


Deixar un comentario

Equilibrio

anoitecerCustoulle erguerse. Pesábanlle as pálpebras, o reloxo, os soños e, quizais un pouco, a vida. Sen a penas decatarse, un murmurio que atravesaba a fiestra, colouse na súa mente. Un son sereno, que se repetía unha e outra vez chamándoa polo seu nome.

Pousou os pés nun chan que se resistía a soltar a calor das últimas horas do verán. Porén unha leve friaxe facíalle cóxegas nas plantas. Aínda así apartou con coidado as zapatillas. Esa mestura de temperaturas producíalle certo sosego que a empurraba a camiñar. Máis ben a levitar cara a ventá.

Levantou a persiana con parsimonia. Tras dela, as estrelas aínda alumaban reticentes a marchar, a pesares de que o sol facía o amago de querer saír, pesase a quen lle pesase. Sentou no peitoril deixando que as pernas se balanceasen. Todo no universo refulxía quietude.

O mar cantaba paciente, mentres o seu corpo se abaneaba ao compás das augas. Ata que, coma se unhas ás a empurraran, saltou, con lixeireza, sobre a herba. O seu andar tranquilo, fantasmal, levábaa cara a praia.

A lúa con calma, non quería irse sen bicar ao sol. Sentada na beira sorríronse cómplices . Pechou os ollos e deixou que o mar lle acariñase o corpo, a alma, levándose coas ondas os seus suspiros. Sentiuse en paz.

 En paz. E a marea musitaba… Tranquilidade. Calma. Sosego. Serenidade. Paciencia. Quietude… Plenitude… Equilibrio… Ela mesma. Comezaba a ver a luz entre as tebras.


2 Comentarios

A gaiola de nubes

nubesEstaba cansa, aburrida, enfastiada. O azul brillante do ceo fora rachado pouco a pouco por unhas nubes tristes e grises que ameazaban con poñerse a chorar. Un pouco coma ela. Amoucada, molesta.

Colleu os seus retallos e con eles comezou a tecer unha gaiola na cal pecharía aos seus sentimentos. Demasiado tempo levaban voando ceibes por un ceo incerto, por castelos no aire e soños demasiado complexos e imposibles. Non. Xa estaba ben. Era hora de pousar os pés con firmeza na terra e deixarse de parvadas.

O seu cello engurrouse e o seu mirar escureceuse como as primeiras mañás do outono, esas ás que lles costa mostrar a luz que terá o día. Ou non. Quizais, como ese, sería sombrío e os raios apenas conseguirían loitar coas sombras. Unhas tebras que bailaban no seu peito.

“Deixa de esperar. ¿Agardar a que? Actúa. Xa o fixeches e tampouco funcionou demasiado ben”. Ás veces, é o propio espírito o que, enfadado, non quere loitar máis. “¿Para que? Se ten que ser será, cando teña que pasar pasará. ¿Mais cando?” ¿Ata onde chegan as ás da paciencia, da constancia? ¿Ata onde voan os suspiros que animan a non renderse? Pode que a un horizonte demasiado misterioso e distante. Quizais a un burato negro.

Malditas punzadas. Maldita incerteza. Maldita esperanza. Deseños, soños, miradas, sorrisos, apertas. Esperas… Todo para a gaiola de nubes. Aí, no corazón estarían ben. Pero nun recuncho afastado do seu seno, non fora a caer outra vez na tentación de querer abrirlles a porta.

Tapouse ata riba cas sabas. E deixou que o ceo chorara por ela, porque xa nin tiña forzas para facelo. Hoxe non lle apetecía ser forte.