A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Os soños na man

Deixar un comentario

Soñando con Botero

“Soñando con Botero”.
Fotografía de Carlos Egio

Pegoulle unha labazada. Deixoulle a mancha encarnada da súa diminuta man coma se fose o recordatorio das estrelas das que tanto falaba. Non lle gustaban as mentiras e moito menos se saían da súa boca. Cos soños non se xoga. E el sabía que algúns, por moito que se empeñara, só se cumprirían para os nenos ricos que vivían no centro da cidade.

E cara aí se encamiñaba correndo á velocidade que lle permitían as súas pequenas pernas. Tiña que ver ao xigante. Era o único que o comprendía. Cando chegou empolicouse á súa enorme man. Alí sentíase seguro. Estaba convencido de que ao amparo da súa sombra volvíase invisible, imperceptible para as miradas apuradas que camiñaban dun lado cara outro.

Suspirando confesoulle que non lle debería ter contado a ela o do maldito vagalume. Todas as noites ese molesto bicho enredábase no seu cabelo e chocaba con insistencia contra a súa cara, as súas orellas… Incluso estaba seguro de que se ría del cada vez que intentaba, cun éxito nulo, esmagala ou espantala. Si, chamaríano tolo, pero xuraría que sentía as súas gargalladas.

“Por que nos vas con ela?” murmuráronlle os descomunais beizos. Mirouno con sorpresa e, por primeira vez dende que o atopara, con desconfianza. Non entendía como da súa boca podían saír con tanta firmeza as palabras inseguras que ela mesma lle soltara, aínda que rematara a frase cun: en lugar de querer matala. Aínda que o dixera mirando ao chan, soltárao coa certeza de quen lle advirte que estaba esmagando un soño.

Amolado, apoiou a cabeza nos seus duros dedos e deixou que as horas pasasen ao ritmo dos que cruzaban a praza. “Es un cacholán”. Aí estaba, tan tranquila, pousada no seu nariz. Observouna co cello tan engurrado que parecía que os seus ollos ían converterse nun. Cando xa case o lograra separáronse de novo. Dende cando un bicho semella unha nena descalza e chea de barro? Porén aí estaba, brillante coma os farois que acababan de acender na rúa.

Devolveulle a mirada cunha mestura de aburrimento e reproche. Viu coma estiraba dúas longas ás tan esfiañadas coma a roupa que el levaba. “Vas quedar?” O seu ton era tan urxente que non lle quedou outra que ir tras dela como se fose una orde mentres Botero, cómplice, bosquexaba un lixeiro sorriso.

– Onde imos?

“A onde van os nenos perdidos”  E comezou a rir. De cada gargallada brotaban luces de cores que o hipnotizaban. E antes de que puidera aferrarse á terra os seus pés xa estaban flotando torpemente.

Deixaron atrás a cidade e calquera sinal de vida humana. Baixo eles a mesta selva impedíalles ver a terra. Mais non lles facía falta, porque as follas reflectían a luz das estrelas en verdes imposibles que creaban camiños no ar. O vagalume descendeu devagar, mais el comezou a dar reviravoltas ata que, mareado, chocou cun chan de musgo, fentos e follas.

– Agárdanos Pedro?

“Pensei que dixeras que os nenos coma ti non o podían velo”, sorriu traste. Baixou a cabeza avergoñado. “Quizais, pode, se cadra… Se amañas o enredo, outra noite poidas velo.”

– Non sei como facelo…

Comezou a rir e dirixiu a súa mirada cara unhas diminutas flores brancas que había ao seu redor. “Son lirios, coma min. Son máxicos.” A súa mirada reflectía a complicidade de quen fai falcatruadas xuntos. “Permiten soñar a quen se atreve. Levan alén de cada mundo aos viaxeiros que son incapaces de perder a ilusión, a imaxinación… Crean ás, e manexan os ventos a favor dos que voan lonxe con elas… Quen sabe… Se cadra, quizais… Poderías devolverlle os seus soños extraviados.”

Non o pensou dúas veces. Con coidado cortou só unha e sentiu como súa nai recuperaba un sorriso que desaparecera había tanto tempo… Cando a flor se desprendeu do talo espertou na man do xigante. “Soños…” pensou con pesar ata que viu, atrapado entre os seus dedos, ao lirio. Correu a casa, xunto súa nai, mentres Pedro e unha pequena fada revoltosa vixiaban cada un dos seus pasos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s