Espertou cunha certeza: estaba presa de si mesma. Cruel carcereiro que non lle permitía nin rir nin chorar. Viuse murmurando dela a frase que non soportaba que os demais dixeran deles. Oíuse claramente! “Non mereces unha persoa coma min. Non son o suficientemente boa”.
Non lle quedou outra que botarse a rir. Entón as súas pantasmas calaron ofendidas, mirándoa con desdén. Elas falaban en serio! Calou ante tales rostros acusadores, que se puxeron a discutir cal tribunal a piques de queimar a unha bruxa. Sabíao, iría directa á fogueira. Ou quizais a tiraran por un acantilado para que a engulira o mar.
Mais por primeira vez en tempo dáballe igual. Incluso estaba disposta a ir ela soa. Retomou o control e silenciounos coa súa determinación. Si, sentaríalle ben renacer, aínda que non soubera en que. Ergueuse. Levantou a persiana. O ceo estaba gris. Hai a quen lle custa pechar as cousas. A ela xusto o contrario… Quizais hoxe se atrevera a dar o primeiro paso.