A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

A manta tecida de soños

 

cristina_suspiria

Ilustración creada por Cristina Ramírez.

 

Ao amparo da manta decatouse de que precisaba reconstruírse. Non lembraba en que momento se borrara o horizonte, nin cando os folgos decidiran esvaecerse levándose con eles os pasos por dar. Porén sabía que fora desfacéndose lentamente igual que unha rocha que deixa que a auga a leve aos poucos .

As pegadas pasadas estaban claramente definidas de luces e sombras, mais alguén lle aconsellara que non se deixase levar por volver atrás, aínda que de esguello anhelaba a seguridade do coñecido. Xa non había volta atrás para ela. O ar atrancóuselle no peito mais, recoñecíase a ela mesma nese pasado inseguro? Sentíase neste fráxil presente? Intuíase nun futuro cheo de claroscuros, máis sombrío que con luces, que se entreabría diante dela?

Percibírase tantas veces vagar soa nas noites sen lúa, cal ánima en busca dunha Santa Compaña que sempre se lle escapa. Sen embargo  había quen nunca a deixaba soa, daba igual en que lado do espello se atopase. Os seus monstros sempre foran os seus mellores amigos, aínda que learan a súa cabeza de pesadelos por cumprir nos soños que algún día se farían realidade. Si, incluso cando enredaban os seus pés nas raíces centenarias das árbores que crecen entre a lama, ataban as súas mans a bolígrafos de tinta transparente incapaces de escribir, ou afogaban a súa voz en trementes palabras que se agochaban na punta da lingua, sempre estaban aí. A pesares de que se perdera no labirinto de roseiras, silvas e toxos polo que camiñaba intentando liberarse deles. Mais nos últimos tempos volvéranse un pouco silvestres de máis. Por iso deixara de mirar o seu reflexo, porque sabía que en realidade estaba composto polas sombras que se agochaban tras os seus ollos.

Claramente necesitaba atoparse de novo, e para iso tiña que sosegalos, volver camiñar diante deles ou como moito ao seu carón. Non lle quedaba outra que falar con Sigomesma. Suspirando entrecortadamente e cos ollos ben abertos mergullouse na manta que coidara os seus entresoños dende nena. Alí estaba a salvo, so tiña que seguir o camiño de lousas vermellas que latexaba o seu corazón.

Camiñou moitos días de lúa chea e noites de brillante sol. Con cada paso perdíase un pouco máis e atopábase máis pouco. Sentía como o vento estaba engaiolado no seu cabelo, como a marea alta se remexía nas súas pestanas, como as estrelas se murchaban nos seus beizos. Mentres, o seu corpo de pedra convertíase en area con cada pegada. Botaba de menos a Sigomesma, non tiña que habela desterrado.

Seguro que o fixeches? Estás convencida de que tes tanto poder como para deixarte ir? Sentada na area de desertos de neve comezaba a crer que toda ela era unha quimera. Agochada entre as sombras dos fíos atreveuse a levantar a mirada cara un horizonte no que o luscofusco non existía. Diante, firme, con apenas un mol sorriso Sigomesma observábaa cal sombra feita de luz. Ante o seu ollar, xuntas,  fóronse desfacendo como folerpas de cinza.

Espertou baixo a manta de rosas a salvo das luces, diante das sombras, sentindo que estaba feita de lumes e xeos, lista para recuperar o solpor.

 

Advertisements


Deixar un comentario

A bóla do mundo

árborenadal

Foto realizada por María Ferreiro

Envolta con coidado, agardábaa na caixa de cartón. A pesares da fraxilidade que lle daba o seu corpo de vidro, sobrevivira un par de xeracións e moitos Nadais: dende os que se celebraban entre risos e cánticos ata os que se mergullaban en recordos pesarosos.

Nesa bóla agochábase todo o seu mundo. Cando a collía entre as mans sentía que era capaz de ver o seu esvaecido pasado, o seu transfigurado presente e, quen sabe, quizais o seu opaco futuro. Toda unha vida, porque ese fráxil adorno vira abrirse e pecharse moitos ciclos que buscaban un equilibrio máis ou menos feble, pero coidado.

Non o puido evitar e un sorriso escapóuselle. A peza reflectiu ducias de rostros que rían, expectantes uns, melancólicos outros. O Nadal non deixaba de ser unha época de transición: pechas un ano, abres unha etapa. Moitos dirían que pura e branca pero unha non pode borrarse a si mesma e deixar atrás o acontecido no pasado, lévao con máis ou menos forza.

Colgouna con coidado, coma se escachala implicara quebrarse a ela en mil anacos imposibles de volver a xuntar. Observouna mentres un bulebule medraba no seu estómago: moitos cambios en pouco tempo. O seu universo devolveulle a mirada intentando serenala e darlle forza. Ao fin e ao cabo transformarse é un gran paso.


Deixar un comentario

De xeo

xeadaBotaba de menos a súa coiraza de xeo. Esa frialdade que, co tempo, lograra apresar calquera sentimento. Esa capacidade de que nada lle afectara, de non deixar tan sequera que un raio de sol quebrase a súa armadura e moito menos traspasala.

As veces odiaba, con toda a súa alma, sentir. Non soportaba non poder volver ao seu estado de estatua. Cando nada lle afectaba todo semellaba máis sinxelo, era máis doado soportar o día a día. Non tiña que preocuparse sentimentalmente dela mesma.

Mais abrira a caixa de Pandora e o que nun principio fora un regato manso e puro, transformárase nun río salvaxe e incontrolable. Perdera ese autocontrol que a mantiña a salvo de todo, ata de si. E agora estaba tan perdida…

Alí, no labirinto selvático, que por riba ela erguera, sentíase desorientada e fráxil. Dubidaba de cada paso, da elección tomada en cada encrucillada. Quizais era un bo momento para deterse a descansar, a pensar. E así volver a atoparse.