A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Ben material. Ben inmaterial. O meu ben. Eu

Deixar un comentario

cartazomeucorpoemeuNon lle quedou outra opción que facelo. Non soportaba a idea. Levaba tantos anos loitando contra iso que se convertera nun dos seus piares coma ser vivo. Ela NON era un obxecto. Fuxía de todo aquel que o insinuara sequera. Non aguantaba sentirse así, como sen non tivese vida, como se fora un obxecto para o deleite duns e o rexeitamento doutros. Non non. Iso si que non.

Pero obrigárona. Farta de que lle dixeran candocomoondeporqueconquenese tiña que ser nai,  candocomoondeporqueconquenese tiña que ser muller obrigouse a converterse nun ser sen vida. Sen alma. Sen corazón. Sen emocións. Sen pensamentos. Frío, pulcro, seco, aséptico, regrado. Ou iso pensaban eles. Ás veces non queda outra que loitar coas armas que non son dunha, apertar os dentes para non morder e morder as unllas para non rabuñar. Hai moitas formas de facer dano.

Colleu o impreso mentres abaneaba o bolígrafo azul entre os seus dedos:

NOME E APELIDOS
DNI
ENDEREZO
TELÉFONO

Nimiedades, iso eran todos os datos que a conformaban alguén real, que existía, que ocupaba un lugar no mundo. Aborrecía a pulcra, fría, seca, aséptica, regulada pompa que supuña a burocracia.

DESCRIPCIÓN DO BEN: Cunha altura de 1,74 m. e un peso máis ou menos constante de 63 kg. o MEU CORPO agocha liñas e sobre todo curvas. É quen de alertarme cando algo non vai ben, adaptarse a condicións de frío e calor e a cambiar de cor. Sofre e goza. É único, non hai ningún coma el nin se pode copiar. Non é perfecto, pero tampouco aspira a selo.

Si, era bastante ela. Bastante ela incompleta. Non cría que chegara toda unha cara para describila, como pensaban que o fixera nun rectángulo minúsculo? Resignouse pensando que xa que se convertera en algo morto, polo menos non perder a súa creatividade, que xa por riba sería o colmo.

TITULAR: ela, ela mesma, quen se non? Que clase de pregunta é esa?

INTERESE LEXÍTIMO ALEGADO (MÁRQUESE O QUE PROCEDA)

 X O solicitante é titular de algún dereito sobre o ben (de algún dereito, de todos diría ela, pero non ía a rosmar máis ou un corazón con malas pulgas sairía do seu peito, e as formas son importantes. As formas…)

ASINADO: o pilot rubricou en suaves liñas azuis o seu nome. Con liñas e curvas como o seu corpo, como a súa alma, como ela.

En certo modo é un pouco triste ter que ir a rexistrar como teu algo que che pertence de nacemento. Suponse. Porque visto o visto non estaba tan claro que quen decide sobre unha é unha mesma. Si, un galimatías do normal que é.

Encamiñouse cara o Rexistro coas amigas para reunirse con descoñecidas. A unión fai a forza, que máis da quequendeonde sexa cada unha? O xénero non entende de idades, van todas ao mesmo saco. Para ben e para mal. Sobre todo para mal.  Entre risos leron as descricións de cada unha delas. Nunca deixaría de sorprenderlle como se ve cada ser humano a si mesmo.

Agardaron nunha fila caótica de mulleres que desexaban decidir por elas mesmas. Entre aclamacións, aplausos e ánimos e máis ánimos, dábanse folgos como un berro de eu son eu basta de decidir por min.

Algunhas dicían que lles resultaba estraño protestar por cousas que se daban por sentado, que xa as palabras quedaban ocas de tan obvias. Que sempre igual, que ata cando… Pero volvemos ao de antes, algo obvio que non debía ser tal, senón non faría falta dicilo. Ou si? Unha tolea con tanta reflexión.

Volveu a casa sentíndose menos ela a un tempo que máis forte para seguir loitando e protestando. Era un ser contraditorio, sempre o fora. Tíñao que haber posto na solicitude. Convenceuse de que fora necesario, ás veces é preciso procurar novas formas de berrar, protestar, chorar… para que o fin non caia nun saco que rachou de tanto cargalo co mesmo. Unha e outra vez, ata que as mulleres cansan, ata que os seres perden a súa voz nunha afonía xorda e obrigada, ata que deixan de ser elas para converterse en sombras. Pero ata as sombras teñen presenza. Ela convertérase por un intre, por só un anaco, nun obxecto. Pero non deixaría que lle quitaran ata a alma, ata as emocións. Do que non se desfaría era das súas ansias por acadar a igualdade en dereitos e en deberes, e a súa necesidade e dereito de ser ELA.

E aínda quedaba por chegar a carta recordando que hai que pagar as taxas … Canto vale o seu corpo? Canto vale a súa persoa? Que valor ten o ser humano?

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s