A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

E entón chegou ela para poñer un pouco de caos…

Deixar un comentario

Tenente Ripley (2012), fotografía de Analía G. Alonso

Tenente Ripley (2012), fotografía de Analía G. Alonso

Se os animais teñen alma, e eu estou convencida de que si, e ese espírito vai duns corpos a outros, unha pantasma vive na miña pequena casa. Veu coa resolución de quedar comigo. Xa o decidira nesa foto que me miraba a min, só a min. Porque que ninguén se engane, estaba falándome aínda que intentara facerme a louca.

Sabía a que se enfrontaba. Para entrar nunha familia de testáns non queda outra que ser coma eles, e con pertinaz insistencia ter moita paciencia. Ripley chegou á miña vida con nome de tenente. Sempre que nos miramos, medio retándonos medio véndonos reflectidas unha na outra, penso que non ten suficiente carácter, que ás veces, moitas, pódenlle os medos. Medio enganada me tiña, e cando a paciencia deixa de ser e tras ela ben o xenio queda claro que boa si, pero ata un punto.

Dous anos pasaron xa desde que baixou obrigada do coche. Agora xa con verme (poucos seres me intúen tan ben) sabe se imos de excursión, ao parque, á rúa, a… Dálle igual praia que montaña, choiva que sol. O importante é camiñar, e facelo xuntas. Porque Ripley ten esa mirada de “non te vaias”, que é coma unha puñalada emocional. Esa ollada de reproche de “se eu non te deixo, por que marchas sen min?”. Dáo todo e se puidera máis.

Xa hai dous anos… E segue cazando pelusas, meténdose en todas as charcas (porque tómase moi en serio o de converternos en ras), perseguindo gatos, pelotas, piñas, paus, limóns… quentándome os pés mentres escribo, mirando pola fiestra cruzando as miradas coas veciñas que a adoran (aínda que ela lles ten medo). Pero agora xa non come as miñas zapatillas (como moito agóchamas, xunto cos calcetíns), nin a vasoira, nin os cables, nin… Agora que é grande, máis grande aínda, pórtase ben. Case sempre.

Hai quen lle teme. Polo seu tamaño, pola súa postura erguida, pola súa pelaxe escura. Pero sobre todo por esa mirada tan súa, enmarcada en cellas douradas, que escruta cada xesto, que analiza cada poro da pel ata chegar a alma. Sen mostrar nin un sentimento, sen amosar nada dela. Só profundidade. Eu sei que está intentando descubrir se o que ten diante é digno da súa confianza. Ou lle vai facer dano. Non é doado gañarse a Ripley, aínda que o sexa máis que hai dous anos, pero quen o logra ten asegurada a súa lealdade.

Inda non deu superado o medo aos cativos, pero andamos niso. Xa fixo algún que outro amigo de dúas patas (cinco, para ser exactos) porque a aceptaron cos seus temores e fixéronlle ver que son coma ela. Porque moitos, ante a mirada atónita das nais, recoñeceron que era pequena, coma eles. E xogan como iguais, pero a modo, para que non se manque ninguén.

No parque ten a súa panda á que sempre bota en falta cando pasa longas temporadas na montaña, que sempre busca cando baixamos a Belvís, que sempre agarda en cada entrada do parque. Gañou a lealdade dos seus amigos caninos de tal xeito que agora se defenden. Sempre. Son manada, son familia, aínda que pasen xuntos só unhas horas ao día. Porque Ripley é paciente, intenta xogar con todos (menos cos cachorros que aínda así a perseguen), non busca pelexa (comparte os xoguetes con toda a calma do mundo), é tranquila e déixase guiar nas travesuras (iso si, sen perderme de vista, non me vaian levar).

Porque Ripley segue sendo a miña sombra, pegándose a min coma se me fora escapar, coma se fora o seu escondedoiro, o seu refuxio. Recordándome que non estamos soas porque nos temos a unha a outra.

Nunca deixarei de aprender dela. Non sei se é porque somos tan parecidas, que case nos poderiamos fundir nunha. Con toda a súa desconfianza, con todos os seus temores, chegou a ser quen de controlar o seu medo para consolar, dar cariño. Porque ante todo, aínda que lle custe, pese a que non regale a confianza, o que máis lle gusta a Ripley son os mimos. E as galletas. E o iogur. E o queixo. E seu óso de fíos. E roubarme o sitio no sofá cando me despisto. E durmir pegada a min para compartir soños e loitar contra pesadelos. Foi unha das mellores decisións que tomei na miña vida, porque hai seres aos que non hai que deixar escapar.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s