A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Sen cor

Deixar un comentario

lapajarera

“La pajarera”, Erika Kuhn. “No vino a ocuparle un pedazo de su espacio. Ella será como su color, digamos que el azul que llena el cielo.”

Os días eran as noites máis escuras, sempre envoltos en negrura e sombras, cun paso do tempo esfiañado, arrítmico, asonante, silente ata que as aves nocturnas comezaban a tecer cos seus chíos arañeiras cazadoras de pesadelos. Dende a fiestra da habitación, por onde fuxía o frío e entraba a calor, preguntábase onde se agocharían eses paxaros que voaban entre a melacolía e a esperanza, gardiáns dos soños, espíritos vixías das estrelas que brillaban coma luces apagadas.

Esa noite, un piar arrolaba na penumbra. Deixou o seu traballo a medio facer e sentou no pequeno tellado deixándose acariñar por as súas verbas. Abriu os ollos e sentiu como unha silueta o observaba protexida polo voar de merlos e tordos. A súa mirada atravesábao cunha candidez descoñecida, prendendo algo que durante séculos se mantivera durmindo no mundo. No seu mundo. Mais cando escudriñou entre os grises non atopou nada máis que silencio. Unha ausencia de son que o aprisionou, obrigándoo a entrar tremendo coma se o frío quixera recuperar o que era seu.

Outro día máis sen durmir, agardando quen sabe que, mentres os seus pensamentos atravesaban o vidro buscando unha figura estraña. O lapis rasgaba o papel por inercia, nun acto que, por reflexo, acabara aborrecendo. Cal foi a súa sorpresa, cando os seus cansos ollos caeron nunha imaxe que lle recordaba ás lendas dunha Sombreireira, tan esquencida como o Arco da Vella. O silencio volveu coma se os paxaros contiveran o alento, expectantes por uns pasos que non estaban seguros de que o creador fora dar. Onde abandonara á luz? Cando a perdera? En que momento deixara de precisala? Non o recordaba, aprendera que xa non lle importaba.

Pero agora ela mirábao mentres a noite enmudecía. E con ela, as plumas das aves cambiaban, ardendo en auroras boreais que había tempo que lograra borrar ata dos seus recordos. Pechou as contras asustado, mais podía sentir a súa presenza ao outro lado. Paciente, acariñando aos seus paxaros, aves que, ao apagar os seus chirlos, permitían a medos e inseguridades coarse por calquera fenda. Tapou os ouvidos nun intento de atopar dentro eses sons que quecían as noites eternas, pero, como nunha burla, tamén calaban. Ou quizais só agardaban a que fora él quen, por unha vez, liberara a primeira verba.

Entreabriu a contra e abaixo a figura sorriulle entre as tebras, mentres as plumas dos tordos reflexaban amenceres. Pechouse de novo nel, pero seguía escoitando como ela lles murmuraba segredos aos paxaros noctámbulos. Entón decatouse de que, ao ela rir, o piar dos merlos volvía. Porén, o son que antes o tranquilizaba agora intimidábao. Permitiríallo? Abriu a ventá de par en par pero xa non estaba. No seu lugar un merlo que reflectía os verdes do mar observouno antes de botar a voar.

Enfadado con el mesmo por deixarse levar por a imaxinación, por buscar espíritos e pantasmas tan eternos coma efémeros, volveu ao seu lapis. Pero as súas mans empeñábanse en debuxar miradas e paxaros, e máis paxaros. Molesto engurrou a folla e tirouna ao chan. Outra noite sen durmir.

Non ía tolerar que unha sombra, por moi distinta ás demais que fora, alborotase o seu mundo escuro. Saiu ao tellado e agardou por ela. Unha hora, dúas, ata que o tolo tempo comezou a rir entre os chíos dos paxaros. Do máis pequeno de todos formouse a imaxe da rapaza que, dando un paso ao fronte, retouno. Miráronse cara a cara e, aínda que se agarrou con forza ás tellas, non puido evitar afundirse no seu ollar: un mar de cores disposto a inundar a súa existencia. Miles de paxaros nadaban ao seu redor cubríndoo todo de cantos de solpores de lume e ceos azuis… E na sombra ela, sempre ela.

Volveu á realidade cun respirar axitado. Os merlos cantaban, de novo, aos soños. Aos seus soños. Sería quen de renunciar a eles? Observou de novo a esa muller encantadora de paxaros, de soños e de sombras. Mirouna con detemento e descubriu todos os matices dos que estaba feita. Entón decatouse de que non había marcha atrás, chegara para devolverlle a cor á súa realidade. Xa nada sería coma antes. Nin el quería que o fose.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s