A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Só dez chanzos…

Deixar un comentario

Escaleira da zona vella de PontevedraTiña prohibido subir esas escaleiras. Non tiña moi claro por que, tampouco lembraba quen llo prohibira, mais esa escaleira só atraía miradas de desaprobación, medo e, si, curiosidade tamén. Coma todo o que non se pode facer.

E coma todo o que non se pode (ou debe) facer, producíalle certo desacougo, quizais polo feito de ter tomada a decisión, de forma máis ou menos consciente, de subir. Primeiro pasou os días mirando de esguello os chanzos, e segundo notaba axitarse o seu corazón, viuse contando cantos banzos levaban ao descoñecido. Dez. Só dez chanzos.

Ata que, unha estrelada noite de maio, contendo o alento, puxo o pé dereito no primeiro, aínda que o seu corpo seguía apoiado no esquerdo, non fora ser que algo horrible acontecera e non puidera fuxir. Mais nada pasou e puido pousar ambos pés no chanzo.

Mirou ao seu redor por se alguén observaba os seus estraños movementos, e cando se decatou de que estaba soa diante do perigo, contendo o ar saltou ao segundo. Non se permitiu expirar ata que se sentiu a salvo. Escapóuselle un sorriso que mesturaba travesura e pracer e, mirando de esguello aos lados continuou a escalada.

Aínda que subiu ao terceiro con forza e decisión, unha vez nel non puido evitar considerar se seguir adiante. Aínda estaba a tempo de recuar. Alguén advertíralle que subir esas escaleiras só traería dor. Pero algo empurrábaa, alén da súa consciencia, ou inconsciencia, a seguir.

Porque, e se non era así? E se no alto estaban parte dos seus soños? E se ao chegar conseguía liberar esa parte dela que sempre tiña calada? E se no alto non había outra cousa máis que felicidade? Si, seguro que habería pesar, mais… Arrastrando os pés subiu ao cuarto chanzo.

Cando sen pensalo demasiado acadou o quinto, comezou a sentir que esa escaleira non era para tanto. Subira a metade e seguía enteira. Ben de ánimo. Ben de folgos. Ben de enerxía. Incluso unhas cóxegas atrevíanse a voar no seu estómago ante a perspectiva de acadar a meta. Que non sabía cal era, pero que a agardaba no cumio. Seguro que sería algo sorprendente.

Tal era a súa resolución e nerviosismo por estar tan preto que cando puxo o pé no sexto chanzo esvarou. A duras penas conseguiu manter o equilibrio e quedar nel. Unha nunca se podía confiar. Nunca se sabe cando os pasos cara adiante se poden volver para en retrocesos.

Pero non había tempo para pensar en pasos cara atrás. No sétimo decidiu repousar. Mirou cara abaixo e un riso escapou da súa boca… Tanto percorrido… Sentíase feliz. Conseguiríao. Estaba convencida. Segura de si mesma. Dos seus pés. Do seu corpo. A súa alma flotaba entre pensamentos optimistas.

E así chegou ao oitavo. Aínda non se acomodara nel cando unha néboa comezou a formarse. Non sabía se estaba fóra ou dentro dela, pero producíalle frío, vertixe e impedíalle ver con claridade a meta. Tampouco lle deixaba distinguir o corredor do que partira. Cando a brétema se fixo máis densa non lle quedou outra que apalpar os contornos da dura pedra para poder continuar.

E así, medio axeonllada acadou o noveno chanzo. Estando tan próxima á súa meta comezou a ter dúbidas. Queimábanlle as entrañas. E se non había o que agardaba? Ao mellor non había máis que pesadelos. Ademais, que era o que esperaba atopar? E se non era capaz de estar a altura do seu achado? Ou se era a propia meta a que a decepcionaba?

Basta! Fixera un longo camiño. Decidira arriscarse e deixar atrás os medos que lle impedían poñer un pé nesa escaleira. Por unha vez na vida deixárase guiar por un estraño instinto ao que nunca escoitaba. Ademais, canto tempo podería aguantar nese paso?

Tragou saliva. Respirou profundamente o pouco ar que o seu corpo deixaba entrar. Mirou con firmeza o último banzo. E cunha resolución impropia dela subiu.

E alí, no cumio da escaleira decatouse de que, canda chanzo, cada paso, pagara a pena.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s