A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Pecha os ollos

Deixar un comentario

Quizais se pecho os ollos todo deixe de ser. Pode que se os aperto ben forte o negro comerao todo de xeito que nada acontece. Aconteceu. Acontecerá. Deterase o tempo. Nin sentirei, nin pensarei. Si, vounos pechar.

Aínda podo ver as suaves liñas que debuxan as pálpebras. Son coma camiños nos que me perdo. Enrédanse. Afóganme. Desaparecen. Confúndenme. Demasiados labirintos e encrucilladas. Quizais sexa porque non os pechei con suficiente forza.

A realidade, esgotadora, empéñase, testana, en coarse por outras canles. Din que se non ves non acontece. Pero é mentira. Aínda podes escoitar os saloucos, os suspiros e, como non teñas coidado, incluso como rulan as rodas que moven os pensamentos e as emocións.

Terei que tapar tamén os oídos. Xa é tarde. As verbas coáronse no máis profundo do meu ser. Supoñíase que se todo era escuridade xa non sería, pero todo é máis real cos ollos pechados. Noto como a pel se me encrespa temerosa dos presaxios que a cobren. Ata o mundo perdeu o recendo a primavera e polo meu nariz só penetra o fume asfixiante dunha vida queimada.

Cada unha das miñas células converteuse en recepción e intensificación de todo o que me envolve. Non sei como fuxir. Quizais é un engano máis e non poderei escapar. Hai sombras que sempre están aí, escoltando cada recordo e cada esquecemento. E cada soidade. E cada baleiro.

Deixar un comentario