A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

A última esperanza

Deixar un comentario

Fotografía de Xoan Escudero

Fotografía de Xoan Escudero

Aquí descansan as ánimas daqueles que nunca creron. Os espíritos que renegaron das ilusións por seren seres afastados da realidade que tanto adoraban. Aquí xace o insensato que se atreveu a cazar á última das esperanzas…

Contan que a última das Esperanzas tiña os cabelos do solpor e a mirada do luar. Pálida néboa do amencer, vagaba polo mundo cun sorriso que só podían ver os que crían nela. Ser tristeiro de fortuna. Tan perdida coma aqueles que buscaban o consolo nos seus abrazos.

Nun ocaso de lume cravou os ollos en quen non debía. Non se pode salvar aos que finxen querer ser salvados. Tarde comprendeu a Esperanza que por moito que o intentara a ilusión no seu corazón había tempo que se apagara. Cun sorriso e cunha caricia na fazula, nun último intento por facerlle espertar, despediuse del. “Atoparasme cando te encontres a ti mesmo”.

Pero el negábase a deixala ir dos seus pesadelos. Ata que a Esperanza, tornando o seu calor en frío, esvaeceuse sen que el se decatara. Cando se deu conta xa era tarde. Entón sentiu o máis profundo dos abandonos. Roto pola ira rachou con todo, ata consigo mesmo. Aqueles que se deixan enmeigar polos medos non poden máis que escoitar as súas voces. Pero daría con ela. Cazaríaa para que deixara de atormentar os seus soños. Ou aínda peor: a súa realidade.

Camiñou por desertos e mares berrando o seu nome. Por fragas e cumios escarpados suplicando por ela. Sen embargo, no fondo convencíase de que a Esperanza era un animal indefenso que non debería merecer a súa atención. Aínda que ás veces escoitaba un murmurio “sempre estou aí, ao teu carón, por que te empeñas en non verme?”. Pero el, cego de dor, respondíalle que xa estaba farto de burlas, acalando a voz por mentireira.

A Esperanza só traía pesar. El non estaba disposto a deixarse ferir de novo e non se decataba da dor dela. Agora era a súa quenda. A desesperación pode causar os peores dos sufrimentos. Nun intento de protexela, as nubes borraron os pasos da Esperanza, e o vento eliminou a súa fragrancia nunha va tentativa de diluir o seu rastro.

Pero ela, cansa da súa incomprensión, cansa de fuxir de alguén que anhelaba, decidiu esperar por el e enfrontalo. Nunca fora unha presa indefensa, só fora paciente coma un desexo que está a piques de cumprirse. Sentou nunha encrucillada. Ao leste o comezo. Ao oeste o final. E agardou.

Agardou ata que as súas miradas se atravesaron coma unha daga que quebra a alma. Un fronte ao outro. O reflexo contrario dun espello. A luz e a escuridade. Escudriñando os seus xestos nun intento de comprenderse. A calma e a tempestade. Avanzaron un cara ao outro. A noite e o día. Uns din que unha bágoa percorreu os seus rostros. Outros que un tenue sorriso rompeu a súa expresión. A Esperanza e o Medo.

Desvanecéronse xuntos. E o ceo ardeu. O que ninguén sabería dicir endexamais era quen era o animal ferido, quen o cazador. Mais dende entón a escuridade invadiu o mundo, mentres o ceo chora sen tregua intentando afogar aos que aínda camiñan por el. E así, a terra foi rachada en dous.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s