A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Coirazas de soños perdidos

Deixar un comentario

Marta Bran, "Creatures of the light and night", 2014. Debuxo, témpera sobre papel de prego de caderno. 25x19,2 cm

Marta Bran, “Creatures of the light and night”, 2014.
Debuxo, témpera sobre papel de prego de caderno.
25×19,2 cm

Cálida noite de verán na que a lúa, arrolada pola brisa, se cola entre as follas. Nas fragas do Norte os insectos cantan ás estrelas agardando espertar desexos durmidos.

Hipnotizada pola súa voz, Quira emerxeu de debaixo da terra. Estaba tan a gusto agochada no seu manto que se volvera un pouco coma ela: escura e dura. Custáballe tanto regresar á realidade que decidira que só sairía cando a ocasión pagase a pena… E Lupo levaba demasiado tempo pronunciando o seu nome coma para non darse por aludida. Ademais tiña que recoñecer que lle gustaban as súas pequenas sorpresas. Só para ela. Un breve instante que sabía tan doce coma as mellores flores. E despois, enterrarse de novo nas profundidades.

No exterior o río baixaba sereno. Quira intentou concentrarse no seu rumor para acalar o bulebule que xiraba e xiraba no seu abdome. Achegouse á beira. Se fose posible estaría namorada desas augas, desas pingas que a bicaban ata limpala e devolverlle as súas verdadeiras cores. Sentía como se coaba entre os poros da súa coiraza e cando os raios da lúa se reflectiron nela o seu escudo tinguiuse de azul. Ergueu a mirada e viu a Lupo que, cuberto de tons morados, brillaba coma un faro na escuridade.

Camiñaron en silencio. Entre eles xa non eran precisas as verbas. Ían paseniño, pois había tempo que as súas ás deixaran de voar. Agocháranas baixo a coiraza e alí agardaban a ser espertadas. Cando chegaron á linde do bosque, Quira non daba crédito ao que vían os seus ollos. Lupo sorría para si, sabía que ese sería un dos seus mellores agasallos.

A pantalla refulxía en branco agardando a que os espectadores se acomodasen na herba. Non había acontecemento máis esperado que o cinema ao ar libre do verán. Alí había tantos soños que cazar… Porque eses pequenos escaravellos eran os encargados de conseguir esas ilusións que nunca se chegarían a cumprir. Esas que moitos pensan que se perden, pero que en realidade son usadas polos seres do bosque para crear a súa cuberta e volverse máis fortes. Hai poucas cousas tan robustas coma un soño…

Os animais puxéronse a ver a película ao redor dunha morea de flocos de millo espallados pola a herba. Non tardaron en xuntarse un bo grupo de silenciosos insectos.  Quira mirou de esguello a Lupo e sentiu, por primeira vez en ducias de estacións, como as ás se remexían inquedas.

O filme rematou, os créditos desplazábanse pola tea veloces. Chegara a hora de regresar á beira do río. O camiño era longo, o peso que levaban consigo considerable e non querían que os primeiros raios do sol os alcanzase antes de chegar ao seu fogar. Ían cargados de soños caídos. Aínda que semelle triste, o certo é que para que poidan crearse novos soños antes teñen que desaparecer os vellos, por moi fermosos que sexan. Porque o son, por iso os escaravellos teñen as coirazas de tantas cores luminosas.

Esa noite custoulle despedirse de Lupo. Quizais debería saír con máis frecuencia das profundidades. Quen sabe, pode que unha noite conseguisen voar xuntos, aínda que fose con torpeza seguro que pagaría a pena. Quira, enleada nos seus pensamentos, volveu a mergullarse na soidade terra. Alí podería soñar con ás membranosas e engurradas mentres se protexía con soños perdidos.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s