A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

O marabilloso mundo de Ilusionaria (II)

Deixar un comentario

Saleta foi a primeira en atravesar o portal. Ao outro lado non había baldosas amarelas que seguir, nin miguiñas de pan. Non había nin as máis rudimentarias frechas que lle indicaran o mellor camiño. Porén algo lle dicía que estaba na dirección correcta nese mundo que, a simple vista, semellaba tan caótico.

Ao seu redor comezou a ouvir cascabeis, coma se ducias de gatos presos do seu son a vixiaran. Concentrouse en axustar a súa chaqueta de la e decatouse de que en realidade eran sorrisos. Risos dunha infancia que semellaba moi distante pero que seguía aí. Gargalladas que se acentuaron cando deu o primeiro paso. Si, aí estaba…

– Que buscas? – Preguntou unha voz que fixo calar a todo o que había derredor. Saleta ergueu a cabeza alarmada pensando que se atoparía ao mesmo gato de Cheshire, felino señor de todos os demais micos. Non podía estar máis equivocada. Sobre un enorme cartel en branco, que non sabía como puidera pasárselle por alto, unha rapaza observábaa con intensidade. – Carolina, Carolina Bensler ao teu servizo.

– Como…? Eu… – Saleta non sabía se abrir ou pechar a boca, só apertou con forza a súa man.

– Saberás polo menos onde estás…

O silencio comezaba a ser cada vez máis asfixiante. Carolina ergueuse sobre a punta dos seus pés, e cun xesto amplo dos seus brazos sinalou a tea na que, paseniño, apareceron unhas enormes letras:

Ilusionaria IV

Uns risos comezaron a escaparse entre o arboredo. Bensler suspirou mentres axustaba as gafas no seu nariz e mirou a Saleta con curiosidade.

– Sabes… Creo que precisas a un novo Home de Lata. Un robot que te axude a ver alén e atopar ese sorriso teu que cres ter perdido. Si… Un robot que che abra máis e máis portas… Que te leve a través dos soños, da imaxinación, da ilusión… Portas que poidas escoller e ás que poidas volver cando o desexes… Si…

Bosquexo, creado por Carolina Bensler, para a portada do cuarto volume de Ilusionaria

Bosquexo, creado por Carolina Bensler, para a portada do cuarto volume de Ilusionaria.

E Carolina semellou esquecerse de Saleta e púxose a bosquexar liñas e liñas que se escapaban do seu caderno. A muller, resignada, ía poñerse a camiñar cara ningures.

– A onde vas? – Bensler estaba alporizada. – Sen isto non poderás chegar.

Saleta mollou os beizos nerviosa. Que sabería ela a onde quería ir e que buscaba? Mais a ilustradora, como se o xesto non fose con ela, deixou escapar das súas mans unha folla que, coma un mapa do tesouro, caeu aos seus pés. Era a portada dun libro, a chave de Ilusionaria, do seu cuarto mundo. Axeonllouse, observouno con detalle, e xusto cando se sentiu como o neno que mira a través dos anteollos buscando outros planetas, unha corredoira abriuse ante ela…

– Non esquezas que todo ten un prezo… – Carolina chiscoulle un ollo mentres se diluía no ar envolta en risas infantís.

Bosquexo, realizado por Carolina Bensler, para a portada do libro "Ilusionaria IV",

Bosquexo, realizado por Carolina Bensler, para a portada do libro “Ilusionaria IV“,

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s