A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

De sangue marrón

Deixar un comentario

Mordeu o bombón. Os seus dentes atravesaron a codia de chocolate con leite. Deixou que o caramelo do seu interior se fundise dende os seus beizos ao ceo da boca. Os seus ollos detivéronse nesa cor marrón, como a terra, como o seu sangue.

Cando se decatara de que non era azul o líquido que corría polas súas venas? En que momento o medo substituíra á dor e ao goce? Polo menos o seu sangue era como o das bolboretas: marrón. Era consciente de que a meirande parte dos bichos teñen o sangue desa cor, pero a ela gustábanlle as papoias.

Os seus pensamentos golpeábanse na súa cabeza namentres os demos medraban implacables no seu estómago. Subían polo esófago ata quedaren atrapados na boca… Todo o peso da soidade no interior dunha persoa… Tiña ganas de vomitar. Mais deulle outro bocado ao chocolate.

Se só puidera mandar á cabeza, por un lado, e ao corazón, polo outro, de vacacións… Ben afastado un órgano do outro, ata que se calmaran e puidera volver a xuntalos. Quizais así podería descansar. Uns meses. Uns días. Un par de horiñas. Un minuto de paz por todos os deuses! Era tanto pedir?

Suspirou molesta mentres a necesidade de botalo todo fóra medraba con ansiedade. Un nerviosismo que facía que todo o seu mundo xirase e xirase sen ton nin son coma esas relativamente minúsculas galaxias de recente descubrimento. Ao mellor era coma elas. Quizais nunca viviu nun universo ordenado. Pode que sempre fora caótica e chegara o momento de asumilo.

Xa non lle quedaba nada ao que aferrarse… Todo era complexo e esgotador. Todo escapaba ao seu control. Peza a peza a súa realidade caía coma unha chuvieira de verán: colléndoa desprevenida. Deixou que a realidade a mergullase ata as profundidades dos buratos negros. E incluso aí, no abismo, os insectos seguían dando voltas no seu ventre.

Podería berrar. Mágoa que nunca fose quen de facelo. Seguro que era unha experiencia liberadora. Pero os sons estaban tan engaiolados como as bágoas. Maldíxose a si mesma. Unha vez e outra. Tiña que recuperar o dominio dela ou simplemente deixarse ir. Coma se calquera das dúas cousas fose doado…

Cansada, demasiado cansa para pensar ou sentir. Ser ou estar. Non lle quedaba máis opción… Meteu na boca o último pedazo do bombón.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s