A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

O corazón dunha estatua

Deixar un comentario

A peregrina

“A Peregrina”, escultura de Miguel Couto.

Ninguén lembraba nin os días nin as noites que a viran agardando. Ata ela esquecera en que momento decidira sentar e albiscar o horizonte. Atreveríame a dicir que non recordaba nin por que esperaba.

Porén ao caer nos seus ollos de metal, a súa mirada fría e decidida levoume a contraria: non sería quen de esquecer iso. O tempo convertéraa en estatua de pedra e metal para que non perdera a firmeza da súa determinación. Semellaba que nin medos nin dúbidas poderían coarse no seu seno, pero quen sabe o que senten as estatuas?

Quen se atrevería a dicir que non tiña emocións? Eu, desde logo, non. Cada día o vento levaba lonxe, moi lonxe, os seus pensamentos; e cada noite a choiva esvaraba polo seu corpo coma as bágoas que xa nin era capaz de permitirse botar. Ao sentar ao seu carón, sempre a mesma sensación de ansiedade envolvía á miña persoa, e as ganas de berrarlle ao solpor atoábanse na miña gorxa: Queres chegar dunha vez? E a estatua miraba para min cun interrogante: “Que chegue que? Que chegue quen? A espera precisa dunhas veas de ferro. A espera require ter claro o que se quere… E o seu custo…”

Baixo os seus pés colgantes só o abismo. Podería caer, mais semellaba non ter medo. Ás veces, observándoa mentres remexía automaticamente o café, preguntábame por que escollería un lugar tan fráxil para deterse. Alí nada a protexía. Cando esa preocupación ateigaba cada recuncho do meu ser mirábame de esguello con certa burla. Non precisaba que a coidaran. “Acaso non es quen de ver a miña coiraza?” Dicíanme os seus ollos baleiros.

O certo era que a pesares da súa dureza semellaba en paz. Unha paz que eu era incapaz de lograr. Quizais estaría ben ser a figura paciente que se deixa acariñar polos elementos… E neses pensamentos vagaba cando, por primeira vez, vin un sorriso bosquexado na súa face inmutable. “Non é doado ser unha estatua nin cargar co peso do tempo, da espera. Non é doada a soidade dunha estatua.”

Quizais a súa paz estaba chea de treboadas que non deixaba que saísen ao exterior. Pero quen sabe o que senten as estatuas…

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s