A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

A máis longa das noites

Deixar un comentario

Lydia Mba

Ilustración hecha por Lydia Mba

É curioso. Nunca crin que sería quen de ver cos ollos pechados. Mais mentres durmo, os meus sentidos semellan máis vivos que nunca. Ao outro lado, escoito os seus pasos vacilantes e os seus saloucos entrecortados. Respiracións axitadas. Contidas. E un bule bule de panos de papel.

Sinto o recendo das flores, da herba. Esas que olen a mel e a primavera e que me levan, sen eu pedilo, de novo á miña infancia. Recordo terme perdido en soidade tardes e tardes a tirarme entre os seus verdes brazos. Cantos san xoanes arrincaría para facelos estoupar entre os meus dedos? Con cantas margaridas faría coroas? Cantos pétalos voarían en busca de amores imposibles? Nunca me parei a contalos. Din que o mundo está feito de números, mais eu sempre crin que está construído por palabras. Mais agora tanto ten…

Si. Hai soidades que se gozan máis ca ningunha. Perdinme en moitos cadros en busca de aventuras, de emocións, quebracabezas… Pezas que unir con máis ou menos éxito. Horas e horas ante unhas acuarelas. Cheguei a ser a auga que se desliza convertida en cor. En maxia.

E agora son eles os que me miran. Sinto as súas miradas perdidas e neboentas en min. Aínda que sei que non me poden ver, os seus ollos percorren o meu corpo rescatado nunha foto. Crávanse nel, en cada ángulo da miña face. Seguro que é unha imaxe leda, doutros tempos quizais máis doados. Non, non o creo. Aprendín a convivir man a man coa dor. Porque non hai felicidade sen bágoas.

Non sei canto tempo levo deitada… Debín cronometralo coa medida dos e se… Das confesións… Tempo perdido. E xa non volverá, polo que agora non hai pesar que valga. Mais escoiteinos. Un a un. Verba a verba con toda a miña atención, con toda a miña alma. Houbo voces que nunca crin que volvería a escoitar. Gustoume telas de novo comigo despois de tanto tempo. Poderase roubar parte dunha persoa pola súa fala?

Falan comigo como eu ou facía co vento neses longos solpores xunto ao mar. Está soa dirían moitos, pero en realidade conversaba con esas augas sempre salvaxes. Os ondas levaron consigo tantos suspiros… Chegarían ao seu destino? Nunca o saberei. Agora xa non importa.

Veña, non rías. É un momento serio, solemne. Aínda que seguro que ao outro lado do cristal non me escoitarían. Non o podo evitar. Entre o sorber dos mocos escápanselles risas nerviosas, contaxiosas. Que poder teñen as lembranzas… Seguro que hai poucas cousas con ese don de mesturar o doce e o salgado. O café, o amor… Que andarán a tramar? Sinto o renxer de papeis nas súas mans suorentas.

Seguro que me han dedicar unhas fermosas palabras. Coma esas que atopaba, furtiva, cando paseaba entre os estantes da librería. Xa teño ganas de escoitalos. Sempre me gustou que me leran. É un acto cómplice, porque só quen te coñece moi ben acerta cos parágrafos que chegarán ao máis profundo do teu ser. Si, contarán grandes anécdotas. Da escola, da adolescencia, dos anos tolos, dos anos calmos… Coma se non os coñecese ben… Unha vida plena, seica se di.

Canto tempo levarei así? Creo que o reloxo esgotou a pila pois xa non sinto ese tictac seu que tanto molestaba aos demais. Supoño que era porque se presentaba como o paso implacable do tempo. Agora que o penso, a min sempre me deu igual. Agora máis que nunca. Sinto que me fundín con el nun acto de amor eterno, imposto, inevitable. Lévanme no colo unha vez máis, a última…

Xa só queda a máis profunda das escuridades. O mundo péchase tras unha parede de ladrillos colocados con pouco coidado un sobre o outro. Que máis dará, non irei a ningures. E tras el unha lápida que marque o meu tempo no tempo. Quedarei soa mentres o mundo xira e xira sen min. E tras ela… Cantas veces repetirán o meu nome? Quedará gravado na súa mente ou perderase no esquecemento? E eu con el… Gocei da soidade, e malia todo estrañareinos tanto… A vida sigue e a morte tamén. Dúas amantes que non se deteñen por ninguén. E tras elas, a soidade.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s