A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

O final do comezo

Deixar un comentario

"Goreé", fotografía feita por Loly Villoch

“Goreé”, fotografía feita por Loly Villoch

Non era posible, mais aí estaba de novo. Había tanto tempo que a deixara atrás, que a esquecera. E aínda así, aí estaba coas súas gretas, perdendo as cores… Como podía atoparse de novo con ela? Decidida, deulle as costas e seguiu camiñando en penumbra por ese corredor infinito.

As sombras non tardaron en converterse en pereiras, maceiras, castiñeiros… O olor a humidade deixou paso ao recendo das amoras maduras. As herbas comíanlle os pés e ocultábanlle o camiño, mais a nena avanzaba sen darlle importancia. Nese mar verde sentíase segura, como se todo estivese exactamente onde tiña que estar. Víase reflexada nos escuros espellos que son os ollos das vacas e, cómplices, sorríanse dun xeito que só os nenos entenden. Atravesou a eira onde os animais pacían o tempo sen présa ata chegar á cancela aínda mollada de pintura verde. Sobre o pomo un reloxo ía cara atrás, pero como o tempo era un amigo de xogos máis non lle importaban as súas falcatruadas.

Ao outro lado da cancela o tempo detivérase. Os seus cabelos leábanse nunha longa coleta mal feita. O ar a penas pasaba da gorxa e o corazón tiña demasiada présa por fuxir. Esas catro paredes afogábana. Lanzouse cara unha rúa repleta de xente que camiñaba sen ver, sen sentir. Un océano de persoas que non reparaban nela. Observouse neses ollos baleiros: unha muller desfeita. Ía desaparecendo segundo se vía nas súas pupilas. Sentía como cada vez era máis e máis pequena. Máis e máis invisible. Ata non ser máis que nada. E xa se sabe que a nada está condenada a vagar en soidade. Perdérase e, cando tomou consciencia diso, deambulaba por unha escura illa de area negra, gardada por un faro de sombras coroado por un reloxo parado. E ante si unha porta… Chamar ou non chamar. Que se abriu con pesar… Cruzar ou non cruzar. Atrás non quedaba máis que pó e cinzas. Porén ao outro lado…

Unha fraga desfacíase paseniño sobre ela. As árbores bisbábanlle baixiño. Puxo tanta atención nas súas verbas que non soubo se eran elas as que falaban ou era a súa propia consciencia a que murmuraba. O vento do outono creaba espirais de soños en forma de follas mortas. Inda así sabía que a terra só durmía expectante, e que no máis profundo do seu ser agochaba ilusións. A natureza é un reloxo que avanza sempre cara diante. A fraga precisaba descansar antes de volver a ser ela mesma… “Non, o sono é outra parte de si mesma”, sorriuse.

E sen saber como, volveron a ela os aromas das castañas asadas e no horizonte distinguiu o vaivén dun faro que, coma un sol que se pon e volve a nacer, indica a dirección a seguir. Arroupada por carballos, salgueiros e teixos retortos polo tempo e pola súa busca das estrelas seguiu avanzando.

As árbores transformáronse nas fortes columnas dun soportal. Baixo os arcos de pedra só se coaba o solpor e a súa sombra. As gretas das follas amarelas deron paso ás fendeduras das baldosas alaranxadas. Detívose. Aí estaba outra vez. Desta volta aberta de par en par. Observándoa, case prohibíndolle que dera a volta, que marchara… Mais non deixaba de resultarlle estraño volver cruzar a porta pola que entrara. Outro paso e a súa sombra xa a agardaba dentro. Non podería fuxir dela, como non podía facelo de si mesma. Cruzou. E alén, só escuridade.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s