A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Follas de outono

Deixar un comentario

follas secasÁs veces pregúntome se os sentimentos son como as follas das árbores. Esas que, envolvidas no zume, entre as pólas, no tronco ou baixo terra coas raíces, agardan a que o sol e a choiva acariñen os botóns con máis agarimo para saír.

Ao igual que as follas as emocións tamén teñen dúas caras: unha brillante e visible para capturar toda a atención da luz e outra sombría e oculta que crea mantos de escuridade.

Ao comezo, unhas e outras son pequenas, febles. Semella que ao menor rumor do vento vaian caer, voando en todas as direccións sen chegar a ser elas mesmas. Pero non, ao final, a meirande parte vai, paseniño, medrando e collendo forma con fortaleza, amosándose incluso orgullosas.

Ata que, esgotadas, van cambiando as súas cores, primeiro en solpores, logo en terra. Engúrranse, perden forza e caen mexidas polo ar. Revoltas en remuíños. Airadas. Con calma. Pero caen… Unha a unha. Quizais algunha teña sorte e alguén a recolla e forme parte dunha nova emoción. Mais a meirande volverá á terra. É o seu xeito de axudar a que abrollen as novas emocións.

Gústame facer renxer as follas de outono baixo os pés, é como volver cada outono á infancia. Quizais as emocións caídas teñan lembranzas que se abren baixo cada paso…

Sexa como for, ás veces sinto como os meus sentimentos caen coma unha folla en outono.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s