A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

A balanza de espiñas

Deixar un comentario

“¿Acercarse y alejarse o agrandarse y achicarse?” Andrés Rojo Torrealba

“Que máis da se as dúas cousas implican facerse pequeno, máis pequeno…?” Chegara a un punto no que entendía tan pouco as súas presenzas como as súas ausencias. Por máis que lle daba voltas e reviravoltas á súa cabeza, tripas, corazón, estómago e todos eses órganos tan importantes nos que se coce todo, non se achegaba, nin querendo, a unha resposta. Comezábase a impacientar con ela, co mundo e co universo enteiro.

Soltou un sonoro suspiro para evitar berrarlle ás portas. Non tiña opción. Coma comprender latexos era unha tarefa perdida, esgotadora e, ao final, baleira e infrutuosa, tomou a decisión de analizar con visión científica ámbalas cousas. Mediría o achegarse e afastarse.

Con resolución pintou as paredes do seu universo do branco máis puro e colocou unha mesa da mesma cor, aséptica, no centro do seu mundo. Á súa vez, no centro puxo unha morea de posits de cores, folios e aliñou un lapis e uns bolígrafos azul, negro, vermello e verde.

Unha vez todo en orde invitou aos amigos a un café explicativo das súas intencións. Cando llas contou seria, imperturbable, impasible e sen pestanexar pensaron que toleara. “Podería estalo aínda máis?”

Mais non, nunca estivera tan esperta. Ou iso cría. “Con que as emocións non se pesan… Meus pobre, que inxenuos… Se non se puidera facer ninguén, nin unha soa persoa, decidiría que sentimentos lles conveñen poñéndoos nunha balanza. Porque para iso se usan as básculas… Para pesar… Polo que analizarei o que pesan as presenzas e as ausencias.” Despediuse deles cunha aperta resolutiva e coa promesa firme dunha solución.

O reloxo marcaba as nove da noite exactas cando comezou a encher de garabatos folios e máis folios que voaban dispersos polo chan da, unhas horas antes, inmaculada sala. Con cada liña o cello se lle engurraba máis, os ollos achicábanselle e as comisuras dos beizos bailaban dun lado cara o outro.

Cando considerou que por fin cada unha das engrenaxes estaban deseñadas, pintou cada unha en cadanseu posit que foi colocando, a modo de constelacións nesa branca noite. A habitación pasara do orde máis pulcro ao caos. Mais ela cos brazos cruzados, rindo a esgalla, só contemplaba o SEU caos.

Conseguírao. Agora só tiña que montar a balanza como quen levanta un quebracabezas en 3D. Non lle preocupaba, ela era unha experta en comprender e encaixar as pezas.

O reloxo marcaba as nove da noite. Diante dela erguíase orgulloso ese enxeño. Nunha folla en branco escribiu con letras alongadas: presenzas. Igualmente o fixo coas ausencias. Despois, cun coidado que rozaba ao cariño, deixounas caer en cadanseu prato.

Ao final esa fermosa balanza de cobre labrado de espiñas mantívose nun perfecto equilibro no que a agulla marcou un enorme, fino, elegante e negro 0. Baixou a mirada e a moderna báscula precisaba dixitalmente o 0.00. A nada.

Achegarse ou afastarse… Xa non pesaba nada, e á nada só lle queda o máis profundo dos esquecementos. Chamou aos amigos para invitalos a un café.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s