A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Cando os desexos secan no luscofusco

2 Comentarios

Fotografía de Carmiña Carrillo

Fotografía de Carmiña Carrillo.

Puxeron a secar os soños xuntos, agardando que o ar levase con el os seus desexos e os fixera realidade. A través das sabas húmidas eran quen de ver os seus sorrisos cómplices. Risos que espallara o vento coma cada un dos dentes de león que sopraran nos últimos días dun verán que non pasaran xuntos.

Igual que tampouco compartiran eses panos a través dos que se vían, aínda que tiñan o devezo e a posibilidade tan a man como as pinzas que usaban para colgar pensamentos, miradas e roces furtivos.

Non sempre é suficiente o desexo. Nin o querer. O bafo levou con el ás súas sombras que se esvaeceron arroupadas entre suspiros. Ela e máis el converteran o vapor en bicos que non chegaran a existir.

Porén non se perderan. Nun confuso luscofusco, fixeron un pacto cun sol e cunha lúa que, coma eles, obsérvanse no universo; que se acarician nunha distancia na que todo e nada pode suceder. Nada e todo se pode sentir, está por ser. Deixaríanlles ao sol e á lúa bicarse a través dos reflexos desas pingas que viaxan cara un ceo que non entende de días e noites. Así, nos segundos nos que se extravían as cores, e con elas as emocións, todo se volvía posible. Ata eles mesmos.

Agora, amenceres e solpores mestúranse en cálidas tonalidades que unen os espazos entre as néboas. Luces e sombras que se anhelan, que se buscan, que se ansían. Reino das pantasmas, único lugar onde poden esperarse. Atoparse. Mesturarse. Revolverse.

As sabas foron arrincadas tan pronto deixaron de abanarse. As curvas, xiros, voltas e engurras imposibles volveron a unha cama baleira. Ninguén se decata de canto notan as teas as ausencias. Incluso as que non chegaron a ser presencias máis que nos entresoños.

Un escolle en que realidade sentirse, e eles crearan a súa propia. Unha onde o tempo retórcese de tal xeito que se poden achar en cada reviravolta. Unha que ninguén máis entende. Seguramente nin eles mesmos. Pero prefiren atoparse nos cruces dos seus labirintos mentres finxen que non lles importa o que os demais pensen. Nin digan. Nin vexan.

Namentres agardan un polo outro, contan estrelas fugaces perdidas desde cadansúa fiestra. Baixo as súas ventás, igual que as palabras que algunha vez se murmuraron cando ninguén os escoitaba, esquecidas, descansan as pinzas. Co tempo convertéronse nesas andoriñas que agardan sobre fíos de metal a que cheguen días máis cálidos, esquecendo que tamén o frío é quen de cristalizar as emocións en formas irrepetibles.

Porén o amencer devolveulles as ilusións transformadas en orballo. Pingas que deforman as esperanzas volvéndoas reais, dándolles un corpo capaz de fluír entre a consciencia da súa pel.

Advertisements

2 thoughts on “Cando os desexos secan no luscofusco

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s