A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Camiñante non hai camiño…

Deixar un comentario

Fotografía de Xosé Bouzas

Fotografía de Xosé Bouzas

Cada paso que daba lembráballe as decisións tomadas. Cada paso dado era como un latexo que lle tradeaba as tempas. Cada paso que avanzaba era o ar contido na garganta, como esas palabras que non se atrevía a dicir por medo a quebrar un esconxuro inexistente, un maleficio que ela mesma se creara no seu maxín.

Aí estaba, medrando ante ela coma unha serpe que tece unha alfombra de agullas baixo os seus pés. Parou. Nin as sombras, nin as nubes eran quen de borrar un camiño que marcara a ferro. Quizais o debuxara con demasiada contundencia. Pode que non analizara con suficiente frialdade as opcións. E se era un erro? Se se perdía a onde volvería? A onde iría?

Era consciente de non ser a mesma había tres pasos…. Retroceder non era unha opción? Seguro que catro máis adiante tamén cambiaría demasiado de si… O pé quedou no ar, como un tatexo. Onde irán parar os pasos que só se dan na cabeza? Pousouno no asfalto.

Quen fora? Non se atrevía a mirar atrás, nin de esguello, non fóra que a realidade lle dixera unha verdade que non se atrevía a escoitar. Quen era? Perdera a súa propia sombra, a que guiaba as súas decisións coma un compás equilibrado á perfección. Quen sería o marcarían eses pasos…

Preguntouse por que tiña que ser tan testana. Sen ver mirou á esquerda. Á dereita. Non tiña escapatoria de si mesma. Equivocarse non podía ser tan malo, non? Pero xa non habería volta atrás. Por que tiña que ser tan teimuda? Cambiar de decisión tampouco era para tanto. Mais… se a nova opción retorcía aínda máis o horizonte?
Tiña medo a esquecer o pasado, a que o presente non fora máis que un erro e o futuro unha meta enredada de imposibles, unha mentira que se dixera unha e outra vez, quen sabe por que…

Si, podería berrarse a si mesma. Botarlle unha boa rifa aos seus medos tiña por norma funcionar, aínda que logo quedara exhausta tras tanta mirada de reproche, de mágoa, de condescendencia… Sempre había unha opción, a inadecuada, a inconveniente, a molesta, a que non podía ser aínda que quixera, a irracional, a perigosa, que sempre bisbaba baixiño, porén resoaba como o máis poderoso eco.

Tentou manter a calma. Se non recuperaba o control do seu corpo a única opción sería permanecer nese espazo diminuto, asfixiante malia estar no exterior. Que pensarían as árbores dela? Aí estaban, ancoradas ás beiras. Era certo que lle facían cóxegas ao ceo e a terra. Mais sempre á mesma terra e ao mesmo ceo. Ela tiña a liberdade de avanzar, de deterse, de escoller aínda que durante moito traxecto todo semellase ir nunha única dirección.

Máis cedo que tarde habería un cruce de camiños. Novas decisións. Viraxes que lle farían ver o seu mundo, sentilo, vivilo de mil formas distintas. Días de choiva, días de sol. Neves e néboas. Camiños de asfalto, de lama. Borrados polas silvas. Empinados, incluso verticais. Mais todos conformando o labirinto da súa existencia. Deixaría que o camiño a vencese?

Alí, no piñeiral, os xílgaros asubiaban ceibes melodías de cores. Como os paporrubios, que sempre coñecen o camiño de volta, saben que poden regresar, quedar ou marchar, e aínda así, sen medo, van e veñen. Como as nubes que anuncian tormentas. Porque como dixo Machado: “…fai camiño ao andar”, e ante ela albiscábase un cruce. Un pé seguiu ao outro.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s