A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

A liberdade da néboa

Fotografía de Pablo Ferreiro para a ocasión.

Fotografía de Pablo Ferreiro para a ocasión.

A primeira vez que se transformou en néboa foi porque precisaba fuxir de alí. Dese cuarto no que das paredes colgaban reproches cal cadros, estaba iluminado por escusas e no que resoaban promesas ocas como se unha radio estivese posta a todo volume.

Foi unha sensación peculiar. Pasou de estar ríxida, como se cada músculo do seu corpo fose unha bolsa de plástico chea de miserias, a flotar, como un globo que ascende cheo de ar morno. Quizais fora iso, carrexaba con tanta presión que toda a tensión comenzara a fluír, desfacéndoa en milleiros de pingas brancas.

Nese estado neboento podía percibir todas as fendas que había na habitación. Unhas levaban a outros cuartos, a outros fogares, outras ao exterior… Sendo incorpórea podía ir a onde lle petase. Como nunca se decatara de todas as opcións que tiña tan a man? Por máis pequena que fose, sempre había unha físgoa pola que fuxir. Porén, esa sensación de mundos por descubrir extasiábaa a un tempo que a angustiaba.

Pronto encheu o seu cuarto cun aroma húmido de tormentas de verán, follas secas de outono, folerpas de inverno e chuchameles de primavera. Todo ulía a nostalxias, como se non fora digna do seu pasado, e menos do seu presente, por non pensar nun futuro que se borrara como ela mesma acababa de facer.

Nese intre decatouse de que os reproches, as escusas e as promesas ocas dicíallas a si mesma. Non podía culpabilizar a ninguén máis. Esa sentenza foi converténdoa nunha néboa máis e máis densa, pesada, capaz de engulir a cidade máis grande baixo efémeros cristais de chamizo.

Paseniño, non foi máis que auga fría, capaz de penetrar incluso no máis profundo das persoas que tantas veces pensaba que a deixaban soa. Nunca tivera moi claro se amosar e descubrir sentimentos era algo bo… Inda así, capa tras capa, sen decatarse, atravesou as súas roupas, peles, músculos, ósos, ata atopar iso que moitos chaman alma.

O seno dos seus seres queridos estaba feito de ducias de fíos con cadansúa etiqueta. Mirounas con curiosidade, ata que deu cunha que levaba o seu nome. Como todo o mundo sabe, a curiosidade é algo demasiado forte, e máis se chama por unha. Non puido evitar asir o cordón.

Ao seu contacto, todo se tinguiu dos vermellos e laranxas dun amencer cálido e agarimoso. Como puidera cegar cada sentido de si ata esquecer cada lembranza boa, cada ilusión, cada paso?

Cando espertou na súa cama, cuberta de suor, o primeiro que lle veu á mente e ao corpo foi un sorriso. O día erguérase limpo, temperado polo sol e por unha enerxía que emanaba de cada poro da súa pel. No café contou que esa noite fora néboa, por iso todos a notaban cambiada, mais ninguén a creu. Acusárona de ter demasiada imaxinación.

Así café tras café, ata que un día desapareceu sen deixar rastro dela e nunca máis volveu. Tiña demasiadas brechas polas que coarse, moito tempo que recuperar cos seus e innumerables mundos por descubrir… Como para estancarse!