A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Reflexión dunha bruxa novata (III)

Deixar un comentario

IMG_0175Caceinas nun renuncio… A min, ao final, non se me escapa nada… Que non, que non… Tardarei, pero decátome das cousas que pasan ao meu redor. Non son tan inocente, teño o meu orgullo, a miña soberbia, o meu saber estar coa cabeza alta (aínda que perda o zapato de cando en vez… Cala, esas cousas non se confesan que nunca sabes quen está a escoitar! Esquécense! Vante tachar de princesa, e iso si que non, nunca, xamais, por riba do meu cadáver de bruxa!)

Pero ao que ía (bruxiña habitante das pólas!) Xa sei cales son as súas sospeitas! Sei onde fraqueou o meu precioso disfrace de profesora! Delatoume o meu medio de transporte!!! E mira que o cambiei… Cando caín na conta déronme ganas de abandonalo, deixalo nunha papeleira desas de metal como un útil escachado, inservible, traidor….

Descubriron que non uso vasoira, que uso paraugas. A moita xente sorprenderalle, imaxino que porque non saben que o último modelo de vasoira contra a chuvia e o vento en realidade é un paraugas. De complexión semirríxida acada a velocidade do ar, incluso máis! (A da luz é un pouco esaxerada e a min gústame gozar da paisaxe máis que da velocidade) Eu nunca a puxen a tanto, porque non son unha piloto tola. Son un ser malvadamente responsable. Ás veces pérdome, outras cometo algunha infracción deliberadamente sen querer. De cando en vez métome coas aves, pero poucas porque despois a ver quen me conta os contos aéreos. É raro atoparse con outras bruxas… O ceo pode chegar a ser un espazo solitario… Xa estás divagando bruxa pensante!

A culpa é do tren. Porque claro, para disimular teño que ir como o resto dos mortais, en vehículo. E aí vou, sentadiña cun libro. Xa lin ben deles no vagón 1… Mira que tes tempo e tempo… Pregúntome se terán algún artefacto no que os minutos avancen máis ou menos rápido segundo a vontade… Teño que investigalo… Sería tan útil para cando os meus esconxuros quedan en branco… ou se estragan… Si… Podería facer un eu, ou roubalo… Decataríanse? Vería o revisor a miña face culpable? Os demais pasaxeiros serían conscientes do cambio temporal? Seguro que non… Un bastante ten con controlar que non se cole ninguén, e os outros van tan mergullados no whatsapp…

Es do que non hai bruxa contraditoria! Vale vale! Que eu tamén teño, senón a ver como me comunico cos meus alumnos… Podería facelo coa telepatía tan fina que posúo, ou vía corvo, ouveo, lume, fume, pousos do té, bóla de cristal… incluso postal… pero témome que con eles non será tan efectivo… Ademais sería descubrirme demasiado, e se xa só cun paraugas… Un paraugas ao que lle dou o uso normal… E agora está enfadado comigo, deixándose roubar, caendo por aí… Con tanto disimulo todo o mundo se enfada comigo.

E claro, que fago despois? Remexer na cabeza no tren. Dá para moito o tren… Para pensar e despensar. Para ler. Para corrixir deberes. Para mandar mensaxes (Esas que critiquei hai tres pensamentos). Para coñecer xente (e arrepentirte de coñecela… Canta xente entra no tren e cantos insectos saen…)

P.D.: Vou deixar de desvariar e centrarme en preparar todo para marchar a Pontevedra, que a semana pasada co susto de verme descuberta deixei ao paraugas na casa e pillei unha boa molleira… E rifoume ao chegar a casa… Paraugas… quen os entende!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s