A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Reflexión dunha bruxa novata (IV)

Deixar un comentario

sombrasO meu intento por cazar musas non está sendo demasiado efectivo… Era un plan perfecto… Quizais demasiado. Buscaríanas por min e despois roubaríallas (algunha vantaxe ten que ter ser profesora). Pero leárono todo! Malditas musas! Que listas son as condenadas… Enredaron os seus pensamentos e non as deron atopado… Nótase que estes seres están do lado dos demos. Como senón poderían fuxir dos meus folios encantados?

O plan era doado. Cada un describiría a súa musa. Cada unha ben particular, peculiar, estraña… Que seres tan complexamente marabillosos… (céntrate bruxa inocente que xa te encandean con só pensar nelas!) Mira que lles gusta chamar a atención co esquivas que son…. Quen as entende? Precisamente por iso teñen tanto poder… O poder de entender o que hai dentro e o que hai fóra de cada ser, de cada obxecto, de cada espazo… Incluso do tempo.

Non sei se o sabedes pero as musas habitan en cada un. Pero que mentireiras e falsas son…! A xente tolea buscándoas e esquecen que as teñen tan diante dos seus fuciños que ven o mundo cos seus mesmos ollos. Son uns inxénuos… E elas ben listas! Xogan cos sentimentos: da euforia ao pánico. Son quen de levar a quen desexen aos estremos emocionais. Como non me vou querer apoderar delas? (aínda que a ver quen as atura a todas xuntas despois… Bruxa covarde é un mal menor!)

Sei como son… seino porque eu tamén teño unha musa… (bruxiña pensa se é bo contar estas cousas, mira que se ao final quedas ti sen ela…) Entendémonos á perfección. Só temos que deixarnos ao noso aire. Que ten ganas de desconectar? Pois marcha de vacacións e aproveito eu tamén para descansar. Por todos os demos! Ás bruxas tamén nos gustan eses momentos de facer por facer ou non facer nada! Maquinar pode resultar tan esgotador… Que dura é vida malvada dunha bruxa… (veña! Tampouco te pases bruxa choromicas e céntrate).

Estaba a falar da miña musa. É unha sombra ben negra capaz de moverse por todos os mundos que desexe. Gústanos tanto viaxar… Coñecemos a tantos seres interesantes. Porque quen pense que os creamos nós ten un problema… Son seres tan reais como nós as dúas… Faltaría máis! (querida, non te indignes que queda feo). A miña musa ten un toque triste, non o podo negar, pero déixase levar e obrígame a facelo a min tamén… Que sombra tan encantadora! Que sería de min se non existise… (bruxa sentimental… as emocións acabarán contigo…)

Pois o que vos dicía, que xa volvo a desvariar. O plan era simple: cada un conectaría coa súa musa, sentiría o que ela sinte, viviría o que ela vive… E aos poucos, con coidado de facer unha boa escrita, levarían ese encontro ao papel. E na folla quedarían presas tras un maleficio de última xeración no que combinei… (ha! Que o vou contar para que me rouben a idea ou peor… a miña musa! Son demasiados anos de complicidade para afacerme a outra!). En fin, que creei un folio en branco gaiola de musas… Pero as miguiñas de pan de centeo que deixei coméronas os escritores mentres pensaban nelas… E como non hai cousa que eles fagan e elas non, tamén as probaron, mentres rían dun plan tan malvadamente inocente…

Isto non quedará así! A vinganza será terrible!

P.D.: Decataranse os meus alumnos se lles mesturo os deberes? Quizais non, co que lles custa firmar os seus traballos… Como se a min puideran enganarme!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s