A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Reflexións dunha bruxa novata (V)

Deixar un comentario

estatua de ferroAes… Acabaron os días de descanso e non facer nada… Inda me custa crer que algo así sucedera tan rápido… E aquí estamos, de novo, dun lado a outro. Ata o tempo anda de chumbo, aí chovendo sobre a miña roupa tendida… De tanta molladura inda vai perder a cor negra a xogo cos nubeiros! (Bruxa melodramática, non será para tanto que só levamos un día de mal tempo!)

En fin, que estiven de vacacións. Que ben se está…! Sen preocupacións maquiavélicas… Sen plans malvados… Sen pensamentos tebrosos… É todo descansado, vendo os días pasar diante dun café ou dun vermú… Sen dar sinais de vida… Agochándome de encargas e caprichos, dos problemas, das solucións… Pregúntome se alguén o notaría. (Que máis dará bruxa traballadora, tocaba aproveitar un pouco o relax…) Ata gocei do sol! Ou que vos pensades? De cando en vez tamén precisamos de algo de calorciño! Non todo vai ser chover e nevar e voar entre treboadas! Tamén nos gusta gozar dos raios acariñando o noso verde rostro… Digo bronceada pel… (Xa te pos modo bruxa romántica!)

Pero xa me enredo, para variar. Imos ao punto en cuestión, porque vos preguntaredes que fan as bruxas de vacacións. Nada, non facemos nada. Ou pouca cousa, tampouco hai que esaxerar. Eu, como non tiña moito tempo centreime nas visitas: fun ver aos espíritos da fraga. Había tempo que non falabamos e xa os… me estrañaban. Porque non vos pensedes que son uns seres inocentes e luminosos. Que non vos enganen os contos! Gústalles facer falcatruadas como que a xente se perda cando vai de excursión, róubanlles obxectos, mandan aos bechos a que os piquen, agochan aos animais para que non os vexan e se frustren, fan que se torzan os nocellos, que se rabuñen nas silvas e toxos… Sinto ter que amosarvos a realidade, pero é que nós non somos as únicas malvadas e crueis, o que pasa é que sempre nos botan a culpa de todo… Algún día fareivos unha lista de cada un para que vexades! (Non sexas así bruxa sulfurada que ben que che gusta estar con eles) Pasamos grandes momentos argallando como enlear aos demais. Que risas botamos!

Adiqueille unha tarde a un deles. Unha tarde enteira e rífame porque o teño abandonado! A culpa é del que non me vén ver nada! Inda que supoño que é normal… Transformeino en metal hai uns veráns, non pode ir moi lonxe… A ningures diría eu… Un fermoso corzo de ferro. É un espírito interesante non o ía converter en calquera cousa! Tiña que ser algo especial, que chamara a atención, que a xente quixese inmortalizalo (inda máis) nas súas fotografías turísticas. Así que optei polo formato escultórico elaborado.

(Non lles vas contar por que fixeches tamaña maldade?) É certo… Teño que confesalo… Son unha bruxa chea de rancor… (E un pouco branda que inda así vas velo!) Ignoroume. Pasou de min vilmente, sempre apurado, sempre con outras cousas… Nunca tiña tempo para estar comigo… Sempre escusas, proxectos inda máis estraños que os meus… E que me ignore a min inda vale, máis ou menos… Pero aos seres que o rodean si que non eh! Que hai responsabilidades!! E aí andaban corzos e cervos tras del cos seus problemas e nada de axudalos! Tiña outras prioridades, dicía! (di que si bruxa seria!) É o seu espírito por todos os demos do inferno! Como non vai ter tempo para eles se el os creou!

Así que non me deixou outra, se non tiña un momento na súa apertada axenda xa llo buscaría eu. E ala! Aí está, agora xa non lle queda outra que aguantar as preocupacións e alegrías dos seus e gozar da calma, da paz, da serenidade, do vagar… Quen puidera! (Levas catro días de traballo e segues coa teima das vacacións bruxa folgazana?)

Non sei cando lle devolverei a súa forma… Estes días estivo especialmente doce… Como se me puidera convencer con artimañas tan sinxelas e convencionais como un pouco de cariño! Non! Son unha bruxa malvada! Comigo hai que traballar as cousas! Que llo pregunten aos meus aprendices!

Falando de aprendices… Eles si que lles colleron gusto as vacacións… Intentarei ir animada cun sorriso forzado, digo fermosamente ensaiado para non cargar sobre eles a dura volta ao traballo. Só teño preparado… Moitas cousas horribles por non teren os deberes. Muahahahahahahahahahaha!

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s