A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros

Reflexión dunha bruxa novata (VIII)

Deixar un comentario

suciedade nas esquinasEstou a volverme branda… Viñeron as arañas de visita… Todas. As saltaricas, as esveltas, as redondiñas… Negras, marróns e vermellas… Todas… Creo que están preocupadas por min. Serei demasiado suave? Pode que tanta mentira ao final se converta nunha realidade. Nunha vida esponxosa e doce, de estreliñas de cores e arcos da vella. Creo que estou a sentirme mareada, o mundo da voltas e voltas… (si… é o que fai normalmente bruxa dramática).

O caso foi que a máis gordecha de todas elas fíxome unha mantiña da súa tea máis grosa, esa que só usa para quecer os ovos onde agardan as súas meniñas (que adorables e escuros seres os que saen aí acaparando cada recuncho da casa… mágoa que o noso fogar non sexa máis grande…). Traíaa sobre o seu lombo (sempre me preguntei como terá tanta forza a condenada). Foi unha mestura de admiración, orgullo e pesar, porque coma sempre, enredou nas bólas de po, ata ser un ente estraño e indefinido. Para ser unha raíña dos arácnidos é un pouco torpe… (claro, como se ela tivera a culpa de que a sucidade camiñe ceibe e feliz polos corredores).

Foi unha visita alegre (ves? Branda moi branda!!) Recomendoume automedicación a base de chocolate negro e algunha que outra apócema que me volva mala. Inda máis mala, cruel, desapiadada, horripilante, atroz, perversa… e demais sinónimos. É un becho culto, que sempre me deixa escoller a verba que máis me guste. Intentou convencerme de que as beberaxes son o máis seguro e eficaz. Segundo ela non habería moitas contraindicacións, só unha pequena, insignificante, nimia, exigua (ás veces chega a ser esgotadora… bruxiña desconecta ou acabará contigo). Ese efecto secundario banal sería que podería chegar a ser unha fada madriña. Si… FA-DA-MA-DRI-ÑA. (Non ten importancia din! Malditas arañas! Bruxa confiada non as escoites demasiado que sempre acabas en leas pola súa culpa!).

Hai que ter moito valor para compararme cun ser deses… Vou gardar o adxectivo que me ferve o sangue! Aprovéitanse das miñas debilidades ata os meus protexidos!! Teño que espertar ou non será necesario tónico ningún, volvereime un… unha… cousas desas que me poñen os pelos de punta e que só me dan ganas de comelas, esmagalas ou usalas, ou ou… (bruxiña, coidado co que dis, que entras en modo contradición… Todo o mundo sabe que tomas café con elas!)

Vale vale… De cando en vez! Moi pouquiñas veces, quedamos! Pero é unha excepción para cambiar de aires que sempre vén ben! Así non se pode! Eu non quero ser coma elas! (vale, vale, tranquila, non pasa nada, ti respira, non contes e di: son mala, son mala…).

Aclarado isto dicir que as arañas son uns seres entrañablemente escuros. Tamén incomprendidas, todo o mundo téndolles medo, querendo desfacerse delas, pisalas, mirándoas con cara de noxo e susto a un tempo… Quizais por iso me entendo tan ben con elas. Aquí estamos, coidando unhas das outras, comprendéndonos nos nosos plans sinistros (aí volve a bruxa sentimental… precisas descansar…)

Vale vale! Xa non digo máis que seica hoxe non teño o día o suficientemente malvado para ninguén! Pois nada, como ser malo e horrible que son, esta tarde ensinareilles aos meus alumnos a crear seres cos que facer o que queiran, o que tradicionalmente se denomina: vodú, crear un Frankenstein, un monstro, ou o que máis medo lles dea. Ala! Que xa chego tarde! (Que máis da bruxa puntual! Non deberían agardar por ti?)

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s