A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Reflexións dunha bruxa novata (VII)

libros de bruxasSeica as persoas gustan de alguén que marque un exemplo, unhas pautas de vida, unha forma de entender o mundo, que imprima valor… e todas esas cousas. Eu intento seguir a máxima que me ensinaron de pequena bruxiña, moi inocentemente malvada: “non fagas aos demais o que non queres que che fagan” ou “fai o que agardarías que fixeran contigo”…

Ou algo así, non o teño moi claro (bruxa perdida, deberías empezar a pensar que buscas en realidade), porque non estou moi segura de querer recibir as dores e sufrimento dos seres que teño ao meu redor… Ou si… As cousas malvadas teñen o seu aquel, a súa aura, o seu pracer,o… (deixa de mirar ao escuro infinito e céntrate! Es unha bruxa sentimental!).

Todas estas lerias veñen porque na miña rebuscada infancia, non tardei en pasar dos consellos a buscalos eu mesma. Con rapidez atopei a un ser tamén rebuscado, un tal Roald, que me presentou a unha recua de personaxes sinistros aos que non sabes cal adorar primeiro: a eses bechos vingativos que comen avións, a eses bechos que viven nun pexego xigante (imaxínaste vivindo dentro dunha mazá vermella e brillantemente enorme? Xa divagamos as dúas…); a esa gran pedagoga experimental que era Agatha e que non souberon valorar; ao tolo e larpeiro encuberto do chocolate; a un raposo que vai de bo (xa nomeaches a algún de aparencia sospeitosamente boa, deixa de mesturar conceptos!).

Iso, vaiamos ao gran. Ao libro de referencia. Aos grandes exemplos, as espectaculares, as marabillosas, entrañables, malvadas, e horrendas inda que ben disfrazadas BRUXAS. Si, todas elas en maiúsculas. Con esas fabulosas convencións que fan por todo o mundo, para levar a cabo plans tan delicados como destruír aos nenos previa transformación en adorables ratiños, por destacar un. Que si que si, que os nenos son adorables e o que queirades, pero iso non é razón suficiente para… (cala cala bruxiña que iso é o que se denomina politicamente incorrecto), ou non son encantadores tamén os ratiños?

Bah! Somos unhas incomprendidas! Facemos casas de doces que nin un arquitecto, roubamos voces mellor que unha gravadora, transformamos cousas malas en peores (iso non deberías dicilo en voz alta bruxa descoidada!), somos expertas en maldicións e esconxuros de ampla garantía no tempo e difícil disolución (iso tamén deberías calalo… é o noso fin)… Por todos os demos! Deberiamos ser queridísimas e máis por todo o mundo!

Pero non… comen as nosas casas e logo imos ao forno, ou a fogueira se nos poñemos máis refinadas. As princesas son descoidadas e aceptan cousas de descoñecidos ou andan a mancarse por aí e a culpa é nosa e veña a perseguirnos… Convértennos en fascinantes ratiños brancos e mandan aos nosos queridos gatos a cazarnos… (querida, deixa o modo drama, que se che vai das mans…) Síntoo, perdín a compostura, ás veces acontece. Pódelle pasar a calquera…

En fin, ao que ía. Inda que as miñas apreciadas bruxas non tiveron un final… o que se diga moi feliz… moitas sobreviviron e non deixan de ser prezadas pola súa mesquindade. Unha mesquindade ademais porque si! (aí tes razón bruxa estraña, o porque si é unha resposta esgrimida por todos nalgún momento, non entende de idade nin de xénero…). E así seguimos vivindo entre os demais. Tivemos que adaptarnos, xa sabedes, os tempos cambian e hai que sobrevivir.

Pensándoo ben… Agardo non darlles ideas aos meus alumnos… Non podería saír nada bo de aí… Seguro que comezan a mesturar deberes, textos, lecturas… Realidades con ficción e deixan de saber onde viven e quen son en realidade… e logo culparanme a min…(Inda que agarda bruxa contraditoria, non era iso o que buscabas?) Non lle vou dar máis voltas. Collerei ás miñas compañeiras de viaxe e marcho que son horas. Ao final as bruxas somos seres de mundo que gustamos dunha boa viaxe e un bo libro… A pesares dos riscos…

Advertisements


Deixar un comentario

De sangue marrón

Mordeu o bombón. Os seus dentes atravesaron a codia de chocolate con leite. Deixou que o caramelo do seu interior se fundise dende os seus beizos ao ceo da boca. Os seus ollos detivéronse nesa cor marrón, como a terra, como o seu sangue.

Cando se decatara de que non era azul o líquido que corría polas súas venas? En que momento o medo substituíra á dor e ao goce? Polo menos o seu sangue era como o das bolboretas: marrón. Era consciente de que a meirande parte dos bichos teñen o sangue desa cor, pero a ela gustábanlle as papoias.

Os seus pensamentos golpeábanse na súa cabeza namentres os demos medraban implacables no seu estómago. Subían polo esófago ata quedaren atrapados na boca… Todo o peso da soidade no interior dunha persoa… Tiña ganas de vomitar. Mais deulle outro bocado ao chocolate.

Se só puidera mandar á cabeza, por un lado, e ao corazón, polo outro, de vacacións… Ben afastado un órgano do outro, ata que se calmaran e puidera volver a xuntalos. Quizais así podería descansar. Uns meses. Uns días. Un par de horiñas. Un minuto de paz por todos os deuses! Era tanto pedir?

Suspirou molesta mentres a necesidade de botalo todo fóra medraba con ansiedade. Un nerviosismo que facía que todo o seu mundo xirase e xirase sen ton nin son coma esas relativamente minúsculas galaxias de recente descubrimento. Ao mellor era coma elas. Quizais nunca viviu nun universo ordenado. Pode que sempre fora caótica e chegara o momento de asumilo.

Xa non lle quedaba nada ao que aferrarse… Todo era complexo e esgotador. Todo escapaba ao seu control. Peza a peza a súa realidade caía coma unha chuvieira de verán: colléndoa desprevenida. Deixou que a realidade a mergullase ata as profundidades dos buratos negros. E incluso aí, no abismo, os insectos seguían dando voltas no seu ventre.

Podería berrar. Mágoa que nunca fose quen de facelo. Seguro que era unha experiencia liberadora. Pero os sons estaban tan engaiolados como as bágoas. Maldíxose a si mesma. Unha vez e outra. Tiña que recuperar o dominio dela ou simplemente deixarse ir. Coma se calquera das dúas cousas fose doado…

Cansada, demasiado cansa para pensar ou sentir. Ser ou estar. Non lle quedaba máis opción… Meteu na boca o último pedazo do bombón.


Deixar un comentario

Pecha os ollos

Quizais se pecho os ollos todo deixe de ser. Pode que se os aperto ben forte o negro comerao todo de xeito que nada acontece. Aconteceu. Acontecerá. Deterase o tempo. Nin sentirei, nin pensarei. Si, vounos pechar.

Aínda podo ver as suaves liñas que debuxan as pálpebras. Son coma camiños nos que me perdo. Enrédanse. Afóganme. Desaparecen. Confúndenme. Demasiados labirintos e encrucilladas. Quizais sexa porque non os pechei con suficiente forza.

A realidade, esgotadora, empéñase, testana, en coarse por outras canles. Din que se non ves non acontece. Pero é mentira. Aínda podes escoitar os saloucos, os suspiros e, como non teñas coidado, incluso como rulan as rodas que moven os pensamentos e as emocións.

Terei que tapar tamén os oídos. Xa é tarde. As verbas coáronse no máis profundo do meu ser. Supoñíase que se todo era escuridade xa non sería, pero todo é máis real cos ollos pechados. Noto como a pel se me encrespa temerosa dos presaxios que a cobren. Ata o mundo perdeu o recendo a primavera e polo meu nariz só penetra o fume asfixiante dunha vida queimada.

Cada unha das miñas células converteuse en recepción e intensificación de todo o que me envolve. Non sei como fuxir. Quizais é un engano máis e non poderei escapar. Hai sombras que sempre están aí, escoltando cada recordo e cada esquecemento. E cada soidade. E cada baleiro.


Deixar un comentario

Ausencia

primeiraluzAcostumouse a deixarlle un oco na súa cama antes de durmir, a darlle a boa noite crendo que a enerxía que move ao Universo lle levaría as palabras alí onde estivera. Cun sorriso na pel durmíase entre soños densos, inconexos, de luces e sombras, que xogaban co seu sono.

Cando soaba o espertador, e entre as fendas da persiana coábase a luz das nubes, o primeiro pensamento era para el. Facía o café imaxinando que, coma ela, estaría a remexer na súa cunca. Tomaba o primeiro trago cun sorriso velado lembrando canto lle gustaba. Entón o recendo amargo envolvíaa coma o agarimo dunha primavera inconstante.

Habituárase a facer a súa vida sen el, porén estaba presente en cada un dos seus pasos, algo que nunca, endexamais, recoñecería. Moraba en dúas vidas: a real e a dos soños. A saber cal era cal… Pero ela seguía camiñando polas rúas coa súa soidade compartida, gozando das múltiples opcións, sempre distintas, que lle ofrecía a súa cabeza,  aderezadas con, segundo ela, demasiadas doses de corazón.

E cando o sol apenas era unha liña no horizonte, e regresaba a casa, unha parte dela desexaba, cada solpor, que a agardara  para agasallarlle cun abrazo antes de ir durmir.


Deixar un comentario

Desxeo

bonaval– En que pensas?

–  En todo… en nada… Vaguidades… Estou tan cansa… Ás veces creo que o tempo me enguliu e que me atopo no seu estómago onde todo é caos e atafegos, dando voltas e voltas entre medos e desexos, pero sobre todo que me acho no medio de incertezas e inseguridades. Sinto que perdín o control de min mesma… Que me gañou…

–  Xa sabías que o tempo é indomable…

–  Si… Pero tiña que intentalo. Ir paso a paso cara onde se pon o sol. Ou era cara onde nace? Creo que me volvín perder… Non sei se deixarme levar se me dará moi ben, nin se será boa idea…

–  Tes outra opción?

–  Podería…

–  Non, non poderías. É tarde, non hai volta atrás. Nunca recuperarás quen fuches.

–  Quizais se encontro as constantes, os motivos, as razóns… Os contras e os pros. Si, seguro que aí, entre eles, está a caixa…

– Tarde. Advertinche que namorarte non era boa idea.

Como resposta só recibiu un sorriso cargado de luces e sombras.


Deixar un comentario

Ben material. Ben inmaterial. O meu ben. Eu

cartazomeucorpoemeuNon lle quedou outra opción que facelo. Non soportaba a idea. Levaba tantos anos loitando contra iso que se convertera nun dos seus piares coma ser vivo. Ela NON era un obxecto. Fuxía de todo aquel que o insinuara sequera. Non aguantaba sentirse así, como sen non tivese vida, como se fora un obxecto para o deleite duns e o rexeitamento doutros. Non non. Iso si que non.

Pero obrigárona. Farta de que lle dixeran candocomoondeporqueconquenese tiña que ser nai,  candocomoondeporqueconquenese tiña que ser muller obrigouse a converterse nun ser sen vida. Sen alma. Sen corazón. Sen emocións. Sen pensamentos. Frío, pulcro, seco, aséptico, regrado. Ou iso pensaban eles. Ás veces non queda outra que loitar coas armas que non son dunha, apertar os dentes para non morder e morder as unllas para non rabuñar. Hai moitas formas de facer dano.

Colleu o impreso mentres abaneaba o bolígrafo azul entre os seus dedos:

NOME E APELIDOS
DNI
ENDEREZO
TELÉFONO

Nimiedades, iso eran todos os datos que a conformaban alguén real, que existía, que ocupaba un lugar no mundo. Aborrecía a pulcra, fría, seca, aséptica, regulada pompa que supuña a burocracia.

DESCRIPCIÓN DO BEN: Cunha altura de 1,74 m. e un peso máis ou menos constante de 63 kg. o MEU CORPO agocha liñas e sobre todo curvas. É quen de alertarme cando algo non vai ben, adaptarse a condicións de frío e calor e a cambiar de cor. Sofre e goza. É único, non hai ningún coma el nin se pode copiar. Non é perfecto, pero tampouco aspira a selo.

Si, era bastante ela. Bastante ela incompleta. Non cría que chegara toda unha cara para describila, como pensaban que o fixera nun rectángulo minúsculo? Resignouse pensando que xa que se convertera en algo morto, polo menos non perder a súa creatividade, que xa por riba sería o colmo.

TITULAR: ela, ela mesma, quen se non? Que clase de pregunta é esa?

INTERESE LEXÍTIMO ALEGADO (MÁRQUESE O QUE PROCEDA)

 X O solicitante é titular de algún dereito sobre o ben (de algún dereito, de todos diría ela, pero non ía a rosmar máis ou un corazón con malas pulgas sairía do seu peito, e as formas son importantes. As formas…)

ASINADO: o pilot rubricou en suaves liñas azuis o seu nome. Con liñas e curvas como o seu corpo, como a súa alma, como ela.

En certo modo é un pouco triste ter que ir a rexistrar como teu algo que che pertence de nacemento. Suponse. Porque visto o visto non estaba tan claro que quen decide sobre unha é unha mesma. Si, un galimatías do normal que é.

Encamiñouse cara o Rexistro coas amigas para reunirse con descoñecidas. A unión fai a forza, que máis da quequendeonde sexa cada unha? O xénero non entende de idades, van todas ao mesmo saco. Para ben e para mal. Sobre todo para mal.  Entre risos leron as descricións de cada unha delas. Nunca deixaría de sorprenderlle como se ve cada ser humano a si mesmo.

Agardaron nunha fila caótica de mulleres que desexaban decidir por elas mesmas. Entre aclamacións, aplausos e ánimos e máis ánimos, dábanse folgos como un berro de eu son eu basta de decidir por min.

Algunhas dicían que lles resultaba estraño protestar por cousas que se daban por sentado, que xa as palabras quedaban ocas de tan obvias. Que sempre igual, que ata cando… Pero volvemos ao de antes, algo obvio que non debía ser tal, senón non faría falta dicilo. Ou si? Unha tolea con tanta reflexión.

Volveu a casa sentíndose menos ela a un tempo que máis forte para seguir loitando e protestando. Era un ser contraditorio, sempre o fora. Tíñao que haber posto na solicitude. Convenceuse de que fora necesario, ás veces é preciso procurar novas formas de berrar, protestar, chorar… para que o fin non caia nun saco que rachou de tanto cargalo co mesmo. Unha e outra vez, ata que as mulleres cansan, ata que os seres perden a súa voz nunha afonía xorda e obrigada, ata que deixan de ser elas para converterse en sombras. Pero ata as sombras teñen presenza. Ela convertérase por un intre, por só un anaco, nun obxecto. Pero non deixaría que lle quitaran ata a alma, ata as emocións. Do que non se desfaría era das súas ansias por acadar a igualdade en dereitos e en deberes, e a súa necesidade e dereito de ser ELA.

E aínda quedaba por chegar a carta recordando que hai que pagar as taxas … Canto vale o seu corpo? Canto vale a súa persoa? Que valor ten o ser humano?


Deixar un comentario

O primeiro paso

persianaEspertou cunha certeza: estaba presa de si mesma. Cruel carcereiro que non lle permitía nin rir nin chorar. Viuse murmurando dela a frase que non soportaba que os demais dixeran deles. Oíuse claramente! “Non mereces unha persoa coma min. Non son o suficientemente boa”.

Non lle quedou outra que botarse a rir. Entón as súas pantasmas calaron ofendidas, mirándoa con desdén. Elas falaban en serio! Calou ante tales rostros acusadores, que se puxeron a discutir cal tribunal a piques de queimar a unha bruxa. Sabíao, iría directa á fogueira. Ou quizais a tiraran por un acantilado para que a engulira o mar.

Mais por primeira vez en tempo dáballe igual. Incluso estaba disposta a ir ela soa. Retomou o control e silenciounos coa súa determinación. Si, sentaríalle ben renacer, aínda que non soubera en que. Ergueuse. Levantou a persiana. O ceo estaba gris. Hai a quen lle custa pechar as cousas. A ela xusto o contrario… Quizais hoxe se atrevera a dar o primeiro paso.