A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Pecha os ollos

Quizais se pecho os ollos todo deixe de ser. Pode que se os aperto ben forte o negro comerao todo de xeito que nada acontece. Aconteceu. Acontecerá. Deterase o tempo. Nin sentirei, nin pensarei. Si, vounos pechar.

Aínda podo ver as suaves liñas que debuxan as pálpebras. Son coma camiños nos que me perdo. Enrédanse. Afóganme. Desaparecen. Confúndenme. Demasiados labirintos e encrucilladas. Quizais sexa porque non os pechei con suficiente forza.

A realidade, esgotadora, empéñase, testana, en coarse por outras canles. Din que se non ves non acontece. Pero é mentira. Aínda podes escoitar os saloucos, os suspiros e, como non teñas coidado, incluso como rulan as rodas que moven os pensamentos e as emocións.

Terei que tapar tamén os oídos. Xa é tarde. As verbas coáronse no máis profundo do meu ser. Supoñíase que se todo era escuridade xa non sería, pero todo é máis real cos ollos pechados. Noto como a pel se me encrespa temerosa dos presaxios que a cobren. Ata o mundo perdeu o recendo a primavera e polo meu nariz só penetra o fume asfixiante dunha vida queimada.

Cada unha das miñas células converteuse en recepción e intensificación de todo o que me envolve. Non sei como fuxir. Quizais é un engano máis e non poderei escapar. Hai sombras que sempre están aí, escoltando cada recordo e cada esquecemento. E cada soidade. E cada baleiro.

Advertisements


Deixar un comentario

As profundidades do océano

mardeinvernoA area sostiña os seus pés. Os raios do sol apenas se reflectían nos grans. Sentou mirando ao mar. Fundíndose con el, preguntouse de que cor sería o baleiro: quizais negro coma din que son os buratos que o devoran todo no espazo; ou pode que vermello coma o sangue dun corazón absorbido por un universo interior incomprensible.

Pensou a que sabería. Se sería salgado coma as bágoas, quizais amargo como un adeus. Ou doce coma as marmeladas dos froitos do verán, ao mellor acedo coma unha verdade incómoda. Non, seguro que era unha mestura deles, coma un caramelo que despois de producir un calafrío deixa un sabor a nenez.

Como sería o seu tacto? Faría cóxegas coma unha pluma que cae perdida ao ar? Ou picaría coma os pinchos dun toxo que quere ser arrincado con dureza? Seguramente sería rugoso, cheo de engurras da vellez, de pregos feitos de segredos.

Que se oiría? Aí estaba convencida. Nada, silencio. Nin  tan sequera o latexar dun corazón.  Igual que cría firmemente que non tería ar. Que sería tan abafante coma se colleran o seu interior coas dúas mans e apertaran tan forte que afogar sería a única solución.

Si. O baleiro sería coma o océano. Salvaxe, aparentemente coñecido, pero tan profundo nos seus pensamentos que nunca podería ser abarcable. Nin sequera cando as súas voces cantaruxan melodías esquecidas polo paso do tempo. A auga empapouna, mais non lle importou, porque ela era mar.


Deixar un comentario

Canción de medos

cardiganbridgeCanteiche cancións de amor. Máis ben escribinche cancións de medos porque nunca as cheguei nin a cantaruxar. Incluso sendo certas, intensas ata parar de doer, quedaron amarradas a terra coma se as cordas do meu piano foran áncoras de barcos afundidos antes de saír a navegar.

Espertar cada mañá nunha cama baleira de realidades pero chea de soños non é doado. Cheguei a amontoar a roupa, aquela a que o vento lle roubou a túa esencia,  ao meu carón para enganarme e crer que estás aí. Aínda que ula a ausencias. Inda que te foras lonxe levándote contigo o meu baleiro e tódolos ventos cos que pretendía enchelo.

E agora sinto coma se só un faro sen luz fora quen de alumar os meus pasos. Na nada só as sombras teñen a súa razón de ser. E ela non foi quen de deixarme para marchar contigo. Cantareille os meus medos. Pode que teña máis valor ca min e  transforme a súa melodía en nanas de soños por nacer. Quizais por iso quedou, para lembrarme que para que exista ten que haber algunha luz, aínda que se agoche á miñas costas e non sexa quen de vela.