A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Reflexións dunha bruxa novata (VI)

plantamurchaQue ben! Por fin volve a chover! Si, si! Xa sei que dixen que as bruxas gustamos do sol… De cando en vez… Tampouco hai que esaxerar, porque ata as miñas fermosas plantas mucias estaban a poñerse inda máis murchas de tanto calor a secalas e sacalas. Que estamos en abril! Xa non se respectan nin os refráns e sabedoría popular…

Ademais ras e sapos, caracois, vermes… tamén gozan dunha boa molleira. Pobres, levaban días agochados! As miñas adoradas arañas non están tan contentas, pero é que non se pode facer feliz a todo o mundo. A felicidade está sobrevalorada… É demasiado complexa! (como se ti foses unha bruxa fácil de comprender!) Como pode ser posible que cadaquén sexa feliz por cousas distintas? A min por exemplo prodúcenme ese estado as arañeiras tépedas que medran nas esquinas da miña habitación, o cheiro das apócemas, as treboadas, o po onde deixar as pegadas das miñas poutas, digo pés, os cabelos sen peitear, as pozas e charcos e a xente que cae nelas, os sorrisos malvados e sedutores, as visitas de demos e pantasmas… (ala ala! Dabondo bruxa pesada, non dicías que a felicidade está sobrevalorada? Porque levas séculos de enumeración).

Pois iso, que xa chove e chove e chove e por fin poderei sacar de novo ao meu amado paraugas que, de tanto aburrimento que tiña o coitado, estragou. Os aparellos máxicos tamén precisan dunha motivación, sentirse valorados… E claro, tras quince días (minuto arriba ou abaixo) sen nubes, non o resistiu máis, enfadouse e escachou. Tiven que levalo a un feiticeiro vello que se pon todos os días no mercado, fronte a capela de San Xiz por iso de disimular, camuflado como un simple curandeiro de paraugas que pasa o tempo escoitando a radio. En realidade oe todas as novidades máxicas ocultas entre as ondas hertzianas, os debates sobre as mellores formas de facer o mal e como non deixarse enlear por bruxas encantadoras coma min. (A modestia será a túa fin bruxa presuntuosa…)

É que as bruxas sempre sabemos como levar á xente ao noso universo de sombras e escuridade e cousas terribles. Que remedio lles queda! Se non o fan polas boas non lles queda outra que polas malas. De feito perfeccionei a beberaxe para que a xente non poida dicir que non. A min claro, ao resto éme igual. O proceso foi sinxelo, tiña o espécime de análise, experimentación e proba perfecto: eu mesma! (Pero mira que es! Bruxa indiscreta! Esas cousas non se din! Non sabes gardar segredos propios nin alleos!!)

Emociónome! É o que teñen os avances máxicos, as innovacións, a aprendizaxe! Para que logo digan que a maxia é algo do pasado, unha moda atrasada, sen sentido! Non saben! Logo atópanse con nós e claro, non teñen nada que facer… Sucumben ante o noso poder, do que non hai fada boa que os liberen, porque miñas pobres, a xente di que son invencións, que non existen! Vivimos tempos duros, ata me dan mágoa… (Vaia día levas bruxiña!)

O outro día tomei un caféciño cunha fada das fragas, porque non vos pensedes que por ser archienemigas non podemos ser amigas! (Outra confesión que non deberías facer…) O caso é que remexiamos o café no sentido contrario ás agullas do reloxo e xa nin podiamos lembrar eses tempos tan tan tan tan tan tan afastados nos que non sabían facer nada sen nós. Viñan ata sen ser chamados! Buscábannos con ansiedade e desexo. Ás veces ata eran uns pesados con tantos desexos e desexos que pedían! Querían apreixarnos para faceren con nós o que quixeran! Nin das vacacións podiamos gozar! Moitas técnicas de camuflaxe se inventaron! E agora, séculos e séculos e séculos despois, seguimos ocultas e perseguidas, porque hai cousas que non cambia. Inda así insisten en que non cren en nós! Quen entende aos seres humanos!!

En fin! Falando de seres humanos, que a miña cabeza vai por libre e desvarío, vou recoller ao meu amado paraugas que hoxe toca ir a Pontevedra a enlear aos meus inocentes alumnos… que, por sorte… digo… por desgracia, cren na imaxinación, na maxia e no poder da creatividade.