A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Reflexións dunha bruxa novata XII

noitePor fin é de noite… Por fin o sol se escondeu e podo ver como se acenden as luces mentres me estiro nun recunchiño do meu sofá (se che encanta ir de terrazas coas demais bruxas, agora non vaias de vampiro!) Vale, vale! Que de día comendo xeados, deitándose no parque, indo á praia, e camiñando por aí tamén se está ben (non bruxiña… non te vaias ao outro extremo, ou non lembras o horribles que son os días de sol?)

Pero ninguén poderá discutirme (e se o fai a saber no que é convertido…) que o mellor momento do día é a noite. As sombras comezan a devorar cidade e campo por igual. Non entenden de mareas nin cordilleiras. A escuridade, como unha mesta néboa engúleo todo sen compaixón. Ata as luces semellan brillar menos por máis intensas que sexan. (E se non xa te encargas ti de desenroscar lámpadas, soprar velas, cortar cables, argallar en fechaduras e, se nos poñemos complicadas, escachar con estilo as ventás, que para algo non cortas as unllas).

Son as horas das paixóns. Na punta dos meus dedos, en cada pestanexo teño o poder dos soños e dos pesadelos. Cada centímetro que gañan as tebras permítenme penetrar en cada habitación, en cada persoa, en cada ser, en cada mente… por moi pechado que estas estean. (Bravo, bravo!! Non sei se son as horas sen durmir pero estás chegando ao meu non corazón).

Ao outro lado das xanelas préndense as luces, esas que máis cedo que tarde deixarán de titilar, pois ninguén pode liscar da negrura que hai detrás das capelas dos ollos. Nesas horas de entresoños os cheiros vólvense máis intensos e é neses momentos cando, entre os olores ceibes, mestúranse as esencias vitais que son máis doadas de roubar ou cambiar. Os sons gañan en forza e calquera murmurio pode ser de dor ou paixón. A pel vólvese tan sensible que o mínimo roce pode transformarse en angustia ou anhelo. É aí, nas sombras das sombras, onde eu me podo mover con liberdade… (di que si, bruxa diabólica, as maldades ampáranse na escuridade, e que momento mellor que a noite?)

Todos os rostros da lúa amparan as apócemas, o vento leva consigo o cheiro das beberaxes, esas que son quen de cambiar o sentido das xentes, facelas máis valentes, riseiras ou tristes. Os cánticos e esconxuros anubran ás estrelas, fanas duplicarse, diluírse. Os pés seguen os ritmos das músicas ou inventan uns novos e bailan nunha danza ancestral que se repite de xeración en xeración. Os gatos vólvense todos pardos… (xa vale, xa vale… hai que deixar o licor café bruxa desatada que sabes que non che fai ben… )

Certo, non hai que perder a calma e a compostura, nin deixar os sombreiros de punta perdidos por aí… En calquera lugar… Non vaia ser que pasemos da moda de perder os zapatos a perder a cab… o sombreiro. (Non sei se quero saber onde deixaches o símbolo da túa maldade. Estás perdendo as formas… Iso pásache por facerlle caso as paxarelas e ir por aí danzar xunto as lumaradas. Un día has caer nelas!)

Non perder a calma! Son unha bruxa malvada á que todos temen! Non se atreverán a facerme nada… O resto é converterse nunha princesa, e iso é moi aburrido… (Bruxa fachendosa, xa teremos unha conversa en privado ti e máis eu). Nada nada, que non son horas. Hai que ir durmir, que por moito que me gusten as falcatruadas nocturnas mañá hai que traballar. Quen dixo que a vida da bruxa era sinxela?

(Boa noite bruxa inqueda)

Advertisements


Deixar un comentario

Coirazas de soños perdidos

Marta Bran, "Creatures of the light and night", 2014. Debuxo, témpera sobre papel de prego de caderno. 25x19,2 cm

Marta Bran, “Creatures of the light and night”, 2014.
Debuxo, témpera sobre papel de prego de caderno.
25×19,2 cm

Cálida noite de verán na que a lúa, arrolada pola brisa, se cola entre as follas. Nas fragas do Norte os insectos cantan ás estrelas agardando espertar desexos durmidos.

Hipnotizada pola súa voz, Quira emerxeu de debaixo da terra. Estaba tan a gusto agochada no seu manto que se volvera un pouco coma ela: escura e dura. Custáballe tanto regresar á realidade que decidira que só sairía cando a ocasión pagase a pena… E Lupo levaba demasiado tempo pronunciando o seu nome coma para non darse por aludida. Ademais tiña que recoñecer que lle gustaban as súas pequenas sorpresas. Só para ela. Un breve instante que sabía tan doce coma as mellores flores. E despois, enterrarse de novo nas profundidades.

No exterior o río baixaba sereno. Quira intentou concentrarse no seu rumor para acalar o bulebule que xiraba e xiraba no seu abdome. Achegouse á beira. Se fose posible estaría namorada desas augas, desas pingas que a bicaban ata limpala e devolverlle as súas verdadeiras cores. Sentía como se coaba entre os poros da súa coiraza e cando os raios da lúa se reflectiron nela o seu escudo tinguiuse de azul. Ergueu a mirada e viu a Lupo que, cuberto de tons morados, brillaba coma un faro na escuridade.

Camiñaron en silencio. Entre eles xa non eran precisas as verbas. Ían paseniño, pois había tempo que as súas ás deixaran de voar. Agocháranas baixo a coiraza e alí agardaban a ser espertadas. Cando chegaron á linde do bosque, Quira non daba crédito ao que vían os seus ollos. Lupo sorría para si, sabía que ese sería un dos seus mellores agasallos.

A pantalla refulxía en branco agardando a que os espectadores se acomodasen na herba. Non había acontecemento máis esperado que o cinema ao ar libre do verán. Alí había tantos soños que cazar… Porque eses pequenos escaravellos eran os encargados de conseguir esas ilusións que nunca se chegarían a cumprir. Esas que moitos pensan que se perden, pero que en realidade son usadas polos seres do bosque para crear a súa cuberta e volverse máis fortes. Hai poucas cousas tan robustas coma un soño…

Os animais puxéronse a ver a película ao redor dunha morea de flocos de millo espallados pola a herba. Non tardaron en xuntarse un bo grupo de silenciosos insectos.  Quira mirou de esguello a Lupo e sentiu, por primeira vez en ducias de estacións, como as ás se remexían inquedas.

O filme rematou, os créditos desplazábanse pola tea veloces. Chegara a hora de regresar á beira do río. O camiño era longo, o peso que levaban consigo considerable e non querían que os primeiros raios do sol os alcanzase antes de chegar ao seu fogar. Ían cargados de soños caídos. Aínda que semelle triste, o certo é que para que poidan crearse novos soños antes teñen que desaparecer os vellos, por moi fermosos que sexan. Porque o son, por iso os escaravellos teñen as coirazas de tantas cores luminosas.

Esa noite custoulle despedirse de Lupo. Quizais debería saír con máis frecuencia das profundidades. Quen sabe, pode que unha noite conseguisen voar xuntos, aínda que fose con torpeza seguro que pagaría a pena. Quira, enleada nos seus pensamentos, volveu a mergullarse na soidade terra. Alí podería soñar con ás membranosas e engurradas mentres se protexía con soños perdidos.


Deixar un comentario

Mirarse ao espello

espelloSaleta escondía no máis profundo de seu ser unha luz. Nacía das súas entrañas, pero non era capaz de sacala ao exterior. Fluía polo seu corpo, pero a pel semellaba ser unha coiraza que non permitía que ningunha emoción saíse dela.

Resplandecer non era unha tarefa sinxela, necesitaba gañar confianza en si mesma e avanzar, con moita suavidade, con dozura. Sen présa, mais sempre cara diante. Era consciente de que durante o camiño habería quen permanecería, tan firmemente que a súa unión non se quebraría a pesar do tempo e da distancia. Mais era consciente de que moita xente non a comprendería, pero iso non a podía debilitar, se non facela más forte. A vida estaba chea de obstáculos que tiña que superar: experimentando, aceptando e incluso caendo na tentación de cando en vez. ¿De que serven os medos cando se enmascaran de protección?

Mirouse ao espello.  O seu reflexo devolveulle unha mirada dura, ao mesto tempo que forte. Chiscoulle un ollo. Sempre a empurraba: firme, esixente, mais sempre apoiándoa. Sorríronse cómplices. E decatouse de que a quen máis temía era a ela mesma. Pero deixouse levar polo seu lado escuro e consolidouse como muller, e deuse permiso e liberdade para crer en si mesma.