A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Reflexións dunha bruxa novata XII

noitePor fin é de noite… Por fin o sol se escondeu e podo ver como se acenden as luces mentres me estiro nun recunchiño do meu sofá (se che encanta ir de terrazas coas demais bruxas, agora non vaias de vampiro!) Vale, vale! Que de día comendo xeados, deitándose no parque, indo á praia, e camiñando por aí tamén se está ben (non bruxiña… non te vaias ao outro extremo, ou non lembras o horribles que son os días de sol?)

Pero ninguén poderá discutirme (e se o fai a saber no que é convertido…) que o mellor momento do día é a noite. As sombras comezan a devorar cidade e campo por igual. Non entenden de mareas nin cordilleiras. A escuridade, como unha mesta néboa engúleo todo sen compaixón. Ata as luces semellan brillar menos por máis intensas que sexan. (E se non xa te encargas ti de desenroscar lámpadas, soprar velas, cortar cables, argallar en fechaduras e, se nos poñemos complicadas, escachar con estilo as ventás, que para algo non cortas as unllas).

Son as horas das paixóns. Na punta dos meus dedos, en cada pestanexo teño o poder dos soños e dos pesadelos. Cada centímetro que gañan as tebras permítenme penetrar en cada habitación, en cada persoa, en cada ser, en cada mente… por moi pechado que estas estean. (Bravo, bravo!! Non sei se son as horas sen durmir pero estás chegando ao meu non corazón).

Ao outro lado das xanelas préndense as luces, esas que máis cedo que tarde deixarán de titilar, pois ninguén pode liscar da negrura que hai detrás das capelas dos ollos. Nesas horas de entresoños os cheiros vólvense máis intensos e é neses momentos cando, entre os olores ceibes, mestúranse as esencias vitais que son máis doadas de roubar ou cambiar. Os sons gañan en forza e calquera murmurio pode ser de dor ou paixón. A pel vólvese tan sensible que o mínimo roce pode transformarse en angustia ou anhelo. É aí, nas sombras das sombras, onde eu me podo mover con liberdade… (di que si, bruxa diabólica, as maldades ampáranse na escuridade, e que momento mellor que a noite?)

Todos os rostros da lúa amparan as apócemas, o vento leva consigo o cheiro das beberaxes, esas que son quen de cambiar o sentido das xentes, facelas máis valentes, riseiras ou tristes. Os cánticos e esconxuros anubran ás estrelas, fanas duplicarse, diluírse. Os pés seguen os ritmos das músicas ou inventan uns novos e bailan nunha danza ancestral que se repite de xeración en xeración. Os gatos vólvense todos pardos… (xa vale, xa vale… hai que deixar o licor café bruxa desatada que sabes que non che fai ben… )

Certo, non hai que perder a calma e a compostura, nin deixar os sombreiros de punta perdidos por aí… En calquera lugar… Non vaia ser que pasemos da moda de perder os zapatos a perder a cab… o sombreiro. (Non sei se quero saber onde deixaches o símbolo da túa maldade. Estás perdendo as formas… Iso pásache por facerlle caso as paxarelas e ir por aí danzar xunto as lumaradas. Un día has caer nelas!)

Non perder a calma! Son unha bruxa malvada á que todos temen! Non se atreverán a facerme nada… O resto é converterse nunha princesa, e iso é moi aburrido… (Bruxa fachendosa, xa teremos unha conversa en privado ti e máis eu). Nada nada, que non son horas. Hai que ir durmir, que por moito que me gusten as falcatruadas nocturnas mañá hai que traballar. Quen dixo que a vida da bruxa era sinxela?

(Boa noite bruxa inqueda)

Advertisements