A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

O marabilloso mundo de Ilusionaria (II)

Saleta foi a primeira en atravesar o portal. Ao outro lado non había baldosas amarelas que seguir, nin miguiñas de pan. Non había nin as máis rudimentarias frechas que lle indicaran o mellor camiño. Porén algo lle dicía que estaba na dirección correcta nese mundo que, a simple vista, semellaba tan caótico.

Ao seu redor comezou a ouvir cascabeis, coma se ducias de gatos presos do seu son a vixiaran. Concentrouse en axustar a súa chaqueta de la e decatouse de que en realidade eran sorrisos. Risos dunha infancia que semellaba moi distante pero que seguía aí. Gargalladas que se acentuaron cando deu o primeiro paso. Si, aí estaba…

– Que buscas? – Preguntou unha voz que fixo calar a todo o que había derredor. Saleta ergueu a cabeza alarmada pensando que se atoparía ao mesmo gato de Cheshire, felino señor de todos os demais micos. Non podía estar máis equivocada. Sobre un enorme cartel en branco, que non sabía como puidera pasárselle por alto, unha rapaza observábaa con intensidade. – Carolina, Carolina Bensler ao teu servizo.

– Como…? Eu… – Saleta non sabía se abrir ou pechar a boca, só apertou con forza a súa man.

– Saberás polo menos onde estás…

O silencio comezaba a ser cada vez máis asfixiante. Carolina ergueuse sobre a punta dos seus pés, e cun xesto amplo dos seus brazos sinalou a tea na que, paseniño, apareceron unhas enormes letras:

Ilusionaria IV

Uns risos comezaron a escaparse entre o arboredo. Bensler suspirou mentres axustaba as gafas no seu nariz e mirou a Saleta con curiosidade.

– Sabes… Creo que precisas a un novo Home de Lata. Un robot que te axude a ver alén e atopar ese sorriso teu que cres ter perdido. Si… Un robot que che abra máis e máis portas… Que te leve a través dos soños, da imaxinación, da ilusión… Portas que poidas escoller e ás que poidas volver cando o desexes… Si…

Bosquexo, creado por Carolina Bensler, para a portada do cuarto volume de Ilusionaria

Bosquexo, creado por Carolina Bensler, para a portada do cuarto volume de Ilusionaria.

E Carolina semellou esquecerse de Saleta e púxose a bosquexar liñas e liñas que se escapaban do seu caderno. A muller, resignada, ía poñerse a camiñar cara ningures.

– A onde vas? – Bensler estaba alporizada. – Sen isto non poderás chegar.

Saleta mollou os beizos nerviosa. Que sabería ela a onde quería ir e que buscaba? Mais a ilustradora, como se o xesto non fose con ela, deixou escapar das súas mans unha folla que, coma un mapa do tesouro, caeu aos seus pés. Era a portada dun libro, a chave de Ilusionaria, do seu cuarto mundo. Axeonllouse, observouno con detalle, e xusto cando se sentiu como o neno que mira a través dos anteollos buscando outros planetas, unha corredoira abriuse ante ela…

– Non esquezas que todo ten un prezo… – Carolina chiscoulle un ollo mentres se diluía no ar envolta en risas infantís.

Bosquexo, realizado por Carolina Bensler, para a portada do libro "Ilusionaria IV",

Bosquexo, realizado por Carolina Bensler, para a portada do libro “Ilusionaria IV“,

Advertisements


Deixar un comentario

O marabilloso mundo de Ilusionaria

Existe un planeta distante, moi distante, tan afastado que está no máis profundo do corazón das persoas. Chámase Ilusionaria. É un mundo construído por soños, esperanzas e ilusións.

Nel habitan uns seres moi estraños: escritor@s, ilustrador@s, editor@s e maquetador@s procedentes de terras moi distintas. Forman un estraño equipo, pois hai quen di que a creación é algo exclusivamente individual. Mais isto non é de todo certo: moitas veces, a meirande parte, xuntos chégase máis lonxe.

Estes entes tiñan unha misión moi importante: deberían crear e ilustrar historias por e para os nenos. Historias que os fixeran voar alén dos mundo coñecidos envoltos en nervios e sorrisos. Tamaña tarefa non era doada polo que puxeron o mellor das súas mentes e corazóns a elaborar contos ilustrados.

Pero o seu traballo non quedaba aí, non. Todo o que recolectaran coa súa venda iría destinado a mellorar o traballo que nun lugar chamado Asociación Babhel facían con nenos. Porque ás veces a infancia non é doada e porque cada cativo merece ser feliz.

Mais isto era moi complicado porque non dependía só deles. Así, pediron a axuda da xente, de moitas persoas para que colaboraran con eles, que aportaran un pouquichiño do seu traballo en patrocinalos ou que tiveran moitas moitas ganas de mergullarse en mundos máxicos e mercaran o libro.

Para iso creouse un portal que leva do mundo real ao mundo de Ilusionaria. A porta está aberta… Atreveraste a cruzala?