A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

A rebelión de tempo

reloxoQue dereito tes de xulgarme? A min, ao Tempo, que son eterno, que fun antes ca ti e serei moito despois, que estou en todas partes coma un deus omnipresente.

Por que me axuizas a min polas túas decisións ou ausencia delas? Os medos son teus e de ninguén máis. Deixa de pronunciar o meu nome en van coma unha súplica sen sentido.

Agora son teu. Antes tamén o fun. Se non soubeches apreciarme agora non te remexas inquedo nin me pidas colocar a ninguén no seu lugar. Aínda que ese ninguén sexas ti! Porque nin te molestas en gozar dos momentos que vives, que tes… Nin te preocupas por saber que ou quen es. Ni tan sequera o que desexas en realidade!

Pides, imploras a miña presencia pero desperdicias cada segundo que che dou. Para mañá, dis. Se fora noutro momento, argumentas. Non estabamos na mesma etapa, xustifícaste.

Pois basta! Basta xa. Regaleiche algo precioso: aprovéitao ou cala. Sofre en silencio ou colle os teus pés e camiña, toma as túas propias decisións e deixa os temores agochados baixo a cama. Estás aquí agora. Ti es agora. Non te atrevas a malgastarme, porque logo será tarde. E para as tardanzas non hai volta atrás.

Non repitas que non tiveches tempo, que será máis adiaste… Que non era o adecuado, porque cando o é?

Advertisements


Deixar un comentario

A dama do péndulo

helenakarenina

Ilustración creada por Helena Karenina

Sabía que non podía controlar ao tempo, e aínda así deixábase seducir por el. O fru fru da súa saia bailaba ao ritmo do seu tictac, mexéndose docemente coma se unha fría brisa de inverno a abanease.

As engrenaxes do seu corpo estaban tan leadas a el que cría que se convertera nun reloxo. Mais non recordaba a última vez que lle dera corda: un mínimo cariño para lembrarlle que estaba aí, que era parte del.  Sen embargo sentíase coma unha maquinaria que irremediablemente lle pertencía.

Xa facía que deixara de loitar, ou iso pensaba ela, porque con cada vaivén, constante, firme, demostráballe que  continuaría ao seu carón. Ás veces pechaba os ollos e xogaba a soñar. Nese mundo o tempo tamén estaba presente. Mais era salvaxe, inconstante. Incluso facía o amago de deterse a observala.

Entón abría os ollos e sostíñalle a mirada de mil cores, existentes e por existir, con firmeza. Cando o miraba así, volvíase escuro. Entón ela non podía evitar rir con pesar. Sabía que nesas milésimas de segundo de entresoños temíalle. Dáballe tanto medo tela como perdela. Entón obrigábaa a espertar e a seguir o seu acompasado camiñar.

Non podía chegar moi cedo. Tampouco moi tarde. A puntualidade era algo esencial. Mais requiría coñecer cal era o momento xusto, o máis axeitado. E non se acababa de decidir. Calmada, tranquila, serena, como os caracois que se aventuran nas noites chuviosas de outono. Sabía que chegaría o seu momento. So tiña que esperar. E transformar a realidade nun soño, alí onde ela era forte.

Pero cando? Ás veces coidaba que a impaciencia ou o aburrimento irían coméndoa dende dentro. Entón o tempo murmuráballe tictacs de promesas por cumprir, e unha candea no seu interior quecía cada unha das súas dúbidas ata convertelas en cinzas.

E arrolada deixábase ir entre pompas de xabón ao seu universo. Alí, xuntando as palmas das súas mans bailaban ao son da creación das galaxias. Xiraban como as agullas que marcan os latexos do corazón. As súas sombras desaparecían coma se fose mediodía. Os seus pés deslizábanse por labirintos de auga, mentres os grans de area caían ao seu redor coma po de estrelas. Tic tac.

Podería fundirse co tempo. Sabía que unha milésima de segundo era capaz de recoller toda a eternidade. Aprendérao nas vixilias nas que loitaba contra as inseguridades que crean os “e se…”. Non era necesario un minuto para descubrir as cartas que a levarían a gañar ou perder todo polo que loitara.

O tempo non agarda, non volve atrás, non da segundas oportunidades, non é continuo. É a vida e a morte. Un sorriso e unha bágoa. Unha contradición en si mesmo. Quizais era iso o que lle atraía del. Esa constancia que semella non entender nin de barreiras nin de buratos. Esa capacidade de conter nunha bóla de vidro o todo e a nada, as luces e as sombras. O tempo non se pode deter. Ou si?

Un calafrío percorreulle as costas. Un latexo inundoulle o baleiro interior coma un solpor. Un suspiro tremente escapóuselle dos beizos. Mirou ao infinito que se estendía baixo os seus pés. A súa respiración acelerouse. Humedeceu os labios. Levantou a vista cara a eternidade e sorriu. Ese era o momento. Berráballo cada balanceo, cada costura do seu corpo, cada fío da súa roupa. Si. Mirou cara diante e con firmeza cesou o seu balanceo. Ese era o instante exacto que tanto agardara. Fíxose o silencio.

Parou cal péndulo ao que se lle rematou a corda. E o tempo tropezou diante dela. Observáronse: el retouna a que se atrevera, ela a que se arriscase. Cando el ía dar un paso para fuxir, o seu sorriso fíxose maior. E o tempo detívose.