A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Reflexión dunha bruxa novata (IX)

reflexos Xa non sei que facer con Sebastián. Apaga o meu despertador, cámbialle a hora, murmúrame ao ouvido para que non me dea erguido, nin durmido, ni nada de nada (como se che custara moito quedar na cama, bruxa durmiñona!). É un ser vingativo que non me deixa ter pesadelos, só soños de cousas boas! (que agardabas del, bruxa resentida?)

Si si, ben sei que o transformei en pantasma, e que a determinados reis (por moi pequenos que sexan non lle deas ás!) non gozan de deambular por toda a eternidade, polo menos sen un corpo material, inda que ben lle gusta posuír ata os máis estraños e insignificantes obxectos. Como se non ía cambiar de sitio os bolígrafos ou roubarme o traballo agochándoos a traizón para que non poida facer a miña labor de correctora esixente e cruel? E que non me veña coas lerias de que cos anos me convertín nun ser caótico á que só lle falta perderse a si mesma! (o certo é que non queda moito para que iso aconteza bruxa enleante…)

Pensaredes que fai todas esas cousas polo meu ben, para que descanse, tome un respiro, e todas esas cousas sobrevaloradas (como se os días puidesen alongarse, eh bruxiña ocupada?). Que non vos engane! É unha tortura para castigarme por convertelo nun ser etéreo. Haberá quen pense que para ser un espírito hai que morrer. Pois non! É unha das miñas maldades máis malas Muahahahaha (pero cóntalles, cóntalles por que está así)

Ás veces abúrrome… Canso, farto, esgótome, perdo a calma, a compostura, os papeis, a paciencia… E iso non é bo para a miña saúde (pero si para a túa imaxe querida bruxa, que ultimamente estás caendo na lado luminoso da forza e iso non axuda…). Pois cando iso sucede póñome seria, suspiro e o que pode pasar despois é todo un misterio: un sapo, unha pantasma, unha chincha… Antes de que o que teño diante se decate… xa foi! (di que si! Sen avisar!).

A historia foi sinxela, simple, demasiado habitual… Silencios, dúbidas, indecisións, dicir unha cousa, facer outra… que para este día non, mellor para este outro… que isto non é así, nin así, nin así, nin así… (non entres en bucle de desesperación que xa foi, xa pasou) sempre queixándose como se o universo tivera un complot na súa contra, como se as estrelas non tiveran cousas mellores que facer… Así que un día tomando un café ben cargado, e tras escoitar e escoitar as súas dores pensei “que calmo e maleficamente feliz sería o meu mundo se desapareceran…” E o que desapareceu foi el… caendo a cunca ao chan e poñendo todo perdido entre os anacos e a escura bebida dos demos… (non non! Non quedaramos en que non iamos contar a versión sincera dos feitos?)

Transformar a Sebastián en pantasma foi un erro. Non fondo non deixa de ser un pequeno rei incomprendido e solitario e rosmón que me fai compañía… o que na modernidade se coñece con un duro grinch da vida (xa tas a xustificalo bruxa indulxente! Ponte dura ou fará de ti calquera cousa!) Certo é! Basta de escusas, que por riba agora non me deixa en paz con iso de que pode atravesar paredes… Pero eu son máis orgullosa, cacholana e firme que el. Que non me tente que non me custa nada botarlle unha maldición. Outra!! As que sexan precisas! (di que si, así con firmeza! Logo non te deixes convencer por esas falsas bágoas de plasma!) E non, non penso erguerlle o castigo! Moito ten que cambiar para que iso aconteza…!

Teño que controlarme para non ir enfadada a clase… (Ao mellor era boa cousa un pouco de crueldade para a túa terapia…) Porque con iso de que lles deu por crear un andoriño un pouco tristeiro, non sei moi ben se para serenarme ou amolarme, ao mellor quedan sen el! (Tampouco hai que levar as cousas ao extremo…) Iso si, agardo non volver perder o tren… Seguro que é un complot do paraugas e máis Sebastián para usar a un de novo e levar comigo ao outro coa escusa de que os teño abandonados e que precisan cambiar de aires… Ou pode que só queiran amolar… Seguro que é o segundo.

Advertisements