A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Reflexións dunha bruxa novata (VII)

libros de bruxasSeica as persoas gustan de alguén que marque un exemplo, unhas pautas de vida, unha forma de entender o mundo, que imprima valor… e todas esas cousas. Eu intento seguir a máxima que me ensinaron de pequena bruxiña, moi inocentemente malvada: “non fagas aos demais o que non queres que che fagan” ou “fai o que agardarías que fixeran contigo”…

Ou algo así, non o teño moi claro (bruxa perdida, deberías empezar a pensar que buscas en realidade), porque non estou moi segura de querer recibir as dores e sufrimento dos seres que teño ao meu redor… Ou si… As cousas malvadas teñen o seu aquel, a súa aura, o seu pracer,o… (deixa de mirar ao escuro infinito e céntrate! Es unha bruxa sentimental!).

Todas estas lerias veñen porque na miña rebuscada infancia, non tardei en pasar dos consellos a buscalos eu mesma. Con rapidez atopei a un ser tamén rebuscado, un tal Roald, que me presentou a unha recua de personaxes sinistros aos que non sabes cal adorar primeiro: a eses bechos vingativos que comen avións, a eses bechos que viven nun pexego xigante (imaxínaste vivindo dentro dunha mazá vermella e brillantemente enorme? Xa divagamos as dúas…); a esa gran pedagoga experimental que era Agatha e que non souberon valorar; ao tolo e larpeiro encuberto do chocolate; a un raposo que vai de bo (xa nomeaches a algún de aparencia sospeitosamente boa, deixa de mesturar conceptos!).

Iso, vaiamos ao gran. Ao libro de referencia. Aos grandes exemplos, as espectaculares, as marabillosas, entrañables, malvadas, e horrendas inda que ben disfrazadas BRUXAS. Si, todas elas en maiúsculas. Con esas fabulosas convencións que fan por todo o mundo, para levar a cabo plans tan delicados como destruír aos nenos previa transformación en adorables ratiños, por destacar un. Que si que si, que os nenos son adorables e o que queirades, pero iso non é razón suficiente para… (cala cala bruxiña que iso é o que se denomina politicamente incorrecto), ou non son encantadores tamén os ratiños?

Bah! Somos unhas incomprendidas! Facemos casas de doces que nin un arquitecto, roubamos voces mellor que unha gravadora, transformamos cousas malas en peores (iso non deberías dicilo en voz alta bruxa descoidada!), somos expertas en maldicións e esconxuros de ampla garantía no tempo e difícil disolución (iso tamén deberías calalo… é o noso fin)… Por todos os demos! Deberiamos ser queridísimas e máis por todo o mundo!

Pero non… comen as nosas casas e logo imos ao forno, ou a fogueira se nos poñemos máis refinadas. As princesas son descoidadas e aceptan cousas de descoñecidos ou andan a mancarse por aí e a culpa é nosa e veña a perseguirnos… Convértennos en fascinantes ratiños brancos e mandan aos nosos queridos gatos a cazarnos… (querida, deixa o modo drama, que se che vai das mans…) Síntoo, perdín a compostura, ás veces acontece. Pódelle pasar a calquera…

En fin, ao que ía. Inda que as miñas apreciadas bruxas non tiveron un final… o que se diga moi feliz… moitas sobreviviron e non deixan de ser prezadas pola súa mesquindade. Unha mesquindade ademais porque si! (aí tes razón bruxa estraña, o porque si é unha resposta esgrimida por todos nalgún momento, non entende de idade nin de xénero…). E así seguimos vivindo entre os demais. Tivemos que adaptarnos, xa sabedes, os tempos cambian e hai que sobrevivir.

Pensándoo ben… Agardo non darlles ideas aos meus alumnos… Non podería saír nada bo de aí… Seguro que comezan a mesturar deberes, textos, lecturas… Realidades con ficción e deixan de saber onde viven e quen son en realidade… e logo culparanme a min…(Inda que agarda bruxa contraditoria, non era iso o que buscabas?) Non lle vou dar máis voltas. Collerei ás miñas compañeiras de viaxe e marcho que son horas. Ao final as bruxas somos seres de mundo que gustamos dunha boa viaxe e un bo libro… A pesares dos riscos…

Advertisements