A cova do lobo

O lugar onde as árbores soñan con ser paxaros


Deixar un comentario

Contos entre as pedras

AmadorArias

“Onde se agocha o insólito”. Ilustración de Amador Arias

Aldaia non recordaba cando nin como chegara á aldea esculpida na montaña que era o seu fogar. Imaxinaba que algún espírito do aire a levaría alí a gardar os segredos que agochaban as cavernas, aínda que ela non atopara ningún digno de mención, polo que lle resultaban moito máis interesantes as historias que lle contaban os poucos visitantes que tiña.

Sempre vivira soa, nunha cárcere de árbores talladas na pedra pola que vagaba mentres agardaba non sabía que. De cando en vez sentaba nalgunha das terrazas e balanceaba os pés intentando pescudar que habería alén desa tenue liña que dividía o ceo e a terra.

Nunha desas estaba cando chegou o Home do Saco. Aldaia mirouno cun sorriso. Desta volta tardara moito en volver, e a súa calva, normalmente brillante estaba cuberta cun fino po. Definitivamente non lle sentara ben o camiño. A nena tíñalle especial cariño malia que algo no máis profundo do ser, a saber o que, dicíalle que só era un vello amargado que se dedicaba a roubar nenos e pechalos no fondo da súa bolsa. Pero ela sabía que era mentira, que en realidade a usaba para gardar os tesouros que máis tarde escondería baixo a terra: un libro quebrado, unha bóla de vidro riscada, diminutos lapis de cores, pezas dun crebacabezas… Infancias esquecidas que xa non volverían. O Home chiscoulle un ollo, e tras recibir a aprobación de Aldaia foi enterrar as xoias cal pirata sen barco. Mágoa que nunca quedara moito con ela, sempre marchaba polas profundidades cando non se decataba. Mais quedábanlle os seus recordos.

Neles navegaba cando a Serea Lagarta saíu do seu escondedoiro para aproveitar os últimos raios do sol. Víanse pouco, por non dicir ren, porque ao réptil gustáballe a soidade das escuras fendas das paredes. Ademais era un ser demasiado desconfiado e Aldaia temía perderse nos seus profundos ollos verdes. Porén gozaban dos seus silencios e cando se atopaban deixaban que o solpor as acariñase. Hai algo moi íntimo e de confianza no silencio. Poucos son quen de resistir a súa presión. Pero para a Lagarta que nadaba entre as pedras e a nena que gardaba as penas era algo tan natural coma respirar.

Cando a noite caeu, a Serea retornou veloz á súa greta e Aldaia decidiu ergueuse para acender os candís que facían de faro da montaña. Camiñaba cando sentiu que alguén lle sopraba na caluga. Á Rosa dos Ventos sempre lle chistara facerlle cóxegas e alborotarlle aínda máis o seu cabelo. A nena riu divertida e correu a abrazar ao espírito do ar. Caíalle ben esa vagabunda, porque entre risas e murmurios sempre lle enumeraba os paraugas que roubara, as nubes que pintara, os paxaros aos que vira voar por primeira vez, e á xente que empurrara á tirarse ao baleiro sen medo… Con ela sentía que podía estender os brazos e convertelos en fortes ás coas que viaxar tan lonxe como as candeas que se acendían na alta escuridade. Mágoa que só quedara para darlle un bico de boas noites.

Tic tac. Tic tac. Aldaia correu cara a fiestra. Sentía o andar do Viaxeiro aos pés da montaña. Admiraba esa teimosía por camiñar malia terse que apoiar nun bastón. Aínda que quen sabe, ao mellor era máxico e lle daba folgos cando cría desfalecer. De onde viña senón a determinación por chegar e gozar dun camiño que non tiña nada de doado?  A súa sombra detívose. Coñecía a súa afección por contar vagalumes e pedirlles desexos aos que voaban máis lixeiros. Que desexaría? Seguro que se prestaba atención os seus suspiros confesarían. Pero agora estaba tan cansa que os soños podían máis que as fantasías diúrnas.

As pálpebras estaban docemente pechadas cando o Gato Mel se enrodelou ao abeiro da súa barriga. Non coñecía animal máis lambón, aínda que en realidade tampouco é que soubese de moitos. Ao deitarse ao seu carón subíalle o olor azucrado da mel, da marmelada. E entón non podía evitar estrullalo entre os seus brazos mentres o comía a bicos baixo un suave rosmar. Non había mellor cazador de pesadelos. Entre apertas e lambeduras, e algunhas rabuñadas tamén, deixou que o sono se apoderase dela.

E volveu a soidade. E nos entresoños pensou que quizais estaba nesa torre para escribir todas esas realidades extraordinarias que lle murmuraban eses estraños seres que, sen estar en corpo presente cada día con ela, sempre a acompañaban.